O parlamentario do BNG criticou o electoralismo de Román Rodríguez co anuncio de 20 M para o ensino despois de ter recortado máis de 1.500 M
Tras a comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez para informar das melloras previstas nos centros de ensino, o parlamentario do BNG, Cosme Pombo afeou a xestión de Educación baseada en grandes recortes en recursos materiais e humanos durante as dúas lexislaturas do Partido popular. O deputado acusou ao titular de Educación de electoralista o anuncio dun investimento de 20 M no ensino cando foron recortados 1.500 M.
Cosme Pombo asegurou que os 20,8M procedentes do Fondo do superávit de responsabilidade ampliados a 40M para melloras e reformas de centros chocan coa diferenza en educación entre o ano 2016 e o Goberno bipartito cunha contía de 256 M. Agora, dixo, ven vostede a falarnos de devolverlle ao sistema educativo un novo e potente esforzo inversor, 20M.
Propaganda e publicidade do PP ante a proximidade das eleccións
O deputado afirmou que o Goberno galego segue no camiño da propaganda e publicidade e lembrou que no pasado mes de abril o conselleiro de Facenda conseguiu un titular en prensa do tenor, Galicia volve de Madrid con 225 millóns de euros de Montoro, Valeriano Martínez volveu satisfeito do consello de Política Fiscal e Financeira de Madrid, pero en realidade, dixo Cosme Pombo, flexibilizaban o endebedamento ata o 0,7 Galiza podía endebedarse en 225 M como tope. O conselleiro de Facenda, engadiu, tamén podía dicir que o Goberno central cada ano recada 3.000 M que deberían ser investidos en Galiza. Valeriano Martínez, en vez de amosar tanta satisfacción tiña que preguntar polos 8.000 M que Galiza perdeu dende a entrada en vigor do actual sistema de financiamento autonómico.
Por outra parte, o deputado do BNG tamén se referiu ás melloras anunciadas en 332 centros escolares que agora o conselleiro aumenta en 633 en actuacións en 527 centros de 219 concellos, ou sexa, máis difícil aínda. Feijóo en troques de reclamar os 8.000M que perde Galiza, agora ofrécenos propaganda e máis publicidade.
O parlamentario incidiu nos recortes continuos do PP no ensino polo que mostrou as súas dúbidas sobre o remate das obras nalgúns centros prometidas, por terceira e nalgún centro mesmo por cuarta vez, nas localidades do Barco de Valdeorras ou Lugo.
O BNG, dixo o deputado, leva reclamando un ensino público galego, laico e gratuíto que teña en conta a música e a filosofía e non o cambio do sistema por un negocio que pretende segregar o alumnado de familias con menos recursos, un modelo confesional e clasista.
O nacionalista concluíu afirmando que 4.000 profesores xubilados/as fóronse cantando sinistro total, somos sinistro total e aburridos de ver como a consellería non defende ao profesorado.Pombo tamén criticou o decreto do plurilingüismo, a pesar da reclamación de institucións, grupos políticos e sindicatos pedindo a súa derrogación.