A deputada do BNG, Tereixa Paz afirmou que o incendio de Fandiscosta puxo de manifesto todas as deficiencias do Sistema de Emerxencias galego e reclamou un cambio de xestión no modelo
Na interpelación ao goberno sobre as carencias do actual modelo de emerxencias e prevención de incendios, a parlamentaria do BNG, Tereixa Paz preguntou ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda se ten previsto homoxeneizar as prestacións e condición de traballo de todo o persoal de emerxencias en todo o territorio galego e para cando un Plan director para establecer que o 112 mobilice o dispositivo máis acaído porque é mentira, afirmou, que na actualidade exista unha isócrona de 20 minutos como quedou de manifesto no incendio da empresa frigorífica de Fandicosta en Moaña.
O incendio de Fandicosta evidenciou as eivas da Lei de Emerxencias
A deputada afirmou que na extinción do incendio de Fandicosta reinou a improvisación, tanto na mobilización dos operativos como na coordinación dos medios desprazados, non se estableceu ningún mando único e como din os propios bombeiros, explicou, non se trata de facer un gran despregue, trátase de regular os dispositivos procedentes de distintas administracións e determinar quen dirixe os labores de extinción. No incendio de Fandicosta, cada un fixo o que puidoe o desastre foi tal que mesmo o Presidente da Xunta pediu explicacións ao 112 polo acontecido manifestou Tereixa Paz.
Por outra parte, engadiu que os veciños e veciñas de Moaña e os traballadores e traballadoras afectadas polo incendio da fábrica que agora padecerán un ERE, teñen dereito a saber porque dende o 112 non foi mobilizado o parque municipal de bombeiros de Vigo situado a oito minutos do incendio e foron,sen embargo mobilizados os de Ribadumia e Porriño que contan con menos medios humanos e materiais. Tras unha hora do incendio, o único dispositivo eran tres camións con tres traballadores polo que preguntou se con eses medios pódese facer fronte a un incendio desas características.
O servizo dos parques comarcais da provincia de Pontevedra está privatizado, afirmou Paz e a dotación dos parques é insuficiente de maneira que tras ser mobilizados para os labores de extinción de Fandicosta, o parque de Porriño quedou sen persoal tendo que asumir a área de Porriño e Ponteareas o parque de Ponteareas.
Non é normal, dixo Tereixa Paz que en cada parque só haxa tres persoas por quenda cando está establecido que o mínimo sexan cinco. A parlamentaria aludiu ao incendio de Fornelos de Montes no que os bombeiros de Porriño solicitaron reforzo a Redondela pero non non foi posible ese reforzo porque non había persoal dispoñible naquel momento polo que tiveron que que recorrer ao parque de Avión que tardou dúas horas en chegar a Fornelos de Montes.
Na súa intervención, Rueda amosou a súa satisfacción polas melloras no Sistema de Emerxencias pero a Xunta, dixo, non é responsable en exclusividade do sistema. Alfonso Rueda anunciou estar disposto a negociar cos concellos e deputacións para revolver a eivas da Lei de emerxencias e o cambio na xestión. A parlamentaria lembrou que nunha anterior comparecencia do vicepresidente xa afirmou que se as deputacións estaban dispostas a revisar o modelo privatizador e ámbito competencial, a Xunta non sería un obstáculo pero polo momento, todo sigue igual, concluíu.