A deputada, Montse Prado instou ao Goberno galego a crear a categoría de persoal investigador dentro das categorías estatutarias do persoal do SERGAS
Montse Prado defendeu hoxe unha Proposición non de lei instando ao Goberno galego a crear a categoría de persoal investigador dentro das categorías estatutarias do persoal do SERGAS.
A parlamentaria explicou que en Galiza, os investigadores e investigadoras foron incorporándose aos hospitais dende o ano 1999 seguindo o procedemento da Lei da Ciencia de 2011 no camiño de acceso aos postos de investigador/a incluíndo o programa Miguel Servet cunha convocatoria inicial moi competitiva para investigadores/as de traxectoria acreditada en investigación biótica e cunha actividade enfocada a liñas de investigación independentes, aínda que reforcen as existentes nos centros aos que se incorporan.
Prado lembrou que Sanidade adquiriu o compromiso de estabilizar aos investigador@s que superaran o programa pero a día de hoxe, este compromiso, afirmou, non se cumpriu.
A parlamentaria reiterou que o BNG apoia as reivindicacións de estabilidade laboral deste persoal investigador e a súa incorporación como persoal investigador estatutario do SERGAS creando a categoría de persoal investigador.
O PP ofrece máis temporalidade ao persoal investigador
Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Miguel Santalices negou a posibilidade de crear a categoría que reclamaba a nacionalista por non estar dentro do marco legal.
Na réplica, a deputada do BNG negou as afirmacións do portavoz popular e lembrou que a única proposta da Consellería de Sanidade para este colectivo, limitase a continuar durante cinco anos con contratos temporais. A temporalidade, dixo, o único que crea son problemas e impide captar proxectos, que con toda probabilidade, recalcou, non concluíran debido ao remate do contrato laboral.
A parlamentaria insistiu en que é posible crear a categoría e puxo á disposición do portavoz do PP un informe xurídico que confirma a posibilidade de crear a categoría de persoal investigador estatutario. A deputada lamentou, que unha vez máis o Goberno non recolla as demandas deste colectivo e preguntou polas verdadeiras razóns do PP para non conceder a categoría laboral que reclaman. Ao seu entender, esta negativa responde a impedir a investigación no sector público para pagar prezos millonarios nas entidades privadas. Vostedes, concluíu, non queren apostar pola investigación pública en xeral, e en particular no Servizo Galego de Saúde.