Tereixa Paz lamentou o voto en contra do PP á proposta do BNG de democratizar o centro e non convertelo no coto privado do Partido popular
Na comisión de política Institucional celebrada hoxe no Parlamento galego, a parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu unha Proposición non de lei destinada a restituír as funcións de coordinación e planificación que durante máis de trinta anos viña desenvolvendo a Casa da Xuventude de Ourense, a través dun consello de xestión e dunha presidencia elixida democraticamente.
A deputada explicou como o Goberno da Xunta aproveitou a defunción do anterior director, Benito Losada, para cargarse un modelo de funcionamento que foi referente das casas de xuventude de Galiza e do resto do Estado.
Paz recalcou que o nomeamento dunha coordinadora que nunca existira constitúe colocar no centro unha comisaria política que ademais é a curmá do Presidente Feijóo nunha praza creada ad hoc.
A nacionalista denunciou que esta persoa fiscaliza, controla e restrinxe as actividades do centro e a maiores o Partido popular acaba de consolidar a ubicación do punto de encontro nas mesmas instalacións.
Para deputada do BNG, esta situación representa unha auténtica aberración como xa teñen denunciado a Plataforma en defensa da casa da xuventude e colexios profesionais de Educadores sociais e familiares.
Tereixa Paz asegurou que o PP, unha vez máis, demostra que non lle gusta que a mocidade se organice e xestione os seus propios espazos en liberdade e cun funcionamento democrático.