A deputada do BNG, Tereixa Paz pediu hoxe ao goberno, a través dunha moción, mudar o actual modelo de emerxencias, prevención e extinción de incendios así como de salvamento ante as deficiencias detectadas nos últimos sinistros
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe unha Moción destinada a mudar de maneira drástica o actual modelo de emerxencias en Galiza.
Na súa intervención, a nacionalista afirmou que o recente incendio da empresa de conxelados Fandicosta en Moaña puxo de relevo a descoordinación entre os diferentes dispositivos baixo a dirección do 112. Tereixa Paz explicou que esta descoordinación motivou que se alertaran o parque de Ribadumia a 37 minutos da empresa mentres se rexeitou o servizo dos bombeiros de Vigo a 8 minutos, ou de Pontevedra a 16 minutos do sinistro.
Por outra parte, denunciou que non se adecuou a mobilización de medios ás características do incendio xa que nin os bombeiros do Morrazo nin os de Porriño tiñan medios para bombear auga do mar.
Na moción, explicou a deputada, hai dúas partes diferenciadas, por unha banda a referida á necesidade de investigar o acontecido no incendio de Fandicosta para corrixir os protocolos necesarios e por outro lado a reclamación do cumprimento da Lei para modificar o actual modelo de emerxencias. Neste sentido, engadiu que é necesario homoxeneizar os servizo en todo o territorio e reordenar a estrutura operativa. Tamén reclamou elaborar o regulamento do bombeiro como establece a Lei aprobada hai nove anos.
Pola súa parte, o portavoz popular Miguel Tellado aceptou un acordo sobre os puntos referidos á investigación e solicitude de informes ao C112 sobre o incendio de Fandicosta e instar ás deputacións para que presenten os seus informes sobre o futuro modelo de xestión polo que optan. O grupo popular, maioritario na Cámara rexeitou o resto dos puntos incluídos na Moción sobre o cumprimento da Lei de emerxencias para garantir que as persoas, con independencia do lugar no que habiten teñan as mesmas prestacións en caso de emerxencias.