O portavoz de pesca, Daniel Rodas e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda cualifican de sectaria a conselleira do Mar, Rosa Quintana por utilizar a visita de João Aguiar Machado, Director Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca con fins partidistas e electorais.
O deputado, no parlamento galego Daniel Rodas e a portavoz en Bruxelas do BNG, Ana Miranda, critican o sesgo partidario e electoral da visita do Director Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca, João Aguiar Machado que se reunirá unicamente con unha parte do sector e non convidar ao resto dos representantes da Comisión de Pesca do Parlamento galego cando acaba de realizar unhas xornadas baixo o título de Marcando rumbos de futuro, cuxas conclusións eran a necesidade da unidade do sector.
Rosa Quintana, utiliza a visita como unha cortina de fume para non falar dos problemas reais do sector que os conduce ao abandono da actividade e ao despezamento con medidas impulsada pola UE, entre as que Rodas e Miranda destacan: a imposición dun modelo de reparto individual que fai inviable a actividade, imposición de cotas a pesca artesanal, incluso nas capturas accidentais, venda de dereitos de pesca, aplicación dun Plan de acción da flota pesqueira 2015, medidas ata o 2020 no que perderemos un total de 569 barcos mentres outros países como Irlanda incrementan a súa flota ou outra flota dentro do Estado teñen un tratamento especial podendo aumenta en 21.000 GT´s o seu tamaño, imposición de cotas irrisorias para segmentos como a volanta que os abriga a pescar de forma irregular.
Os nacionalistas recalcan que o conxunto do sector rexeita o modelo de acuicultura intensiva que impón a UE, que obriga a cambiar un modelo sostible por outro intensivo obrigando as mariscadoras a transformarse en acuicultoras.
Miranda pregunta ao Director Xeral onde quedou o compromiso adquirido na visita realizada a Bruxelas en compañía dos armadores de ANACEF de abrir novas posibilidades aos barcos galegos para volver a faenar no caladoiro de Mauritania, e o resultado dos deberes encargados ao Goberno español, pero sobre todo, o seu compromiso de visitar Galiza e reunirse co Consello Galego de Pesca para coñecer en profundidade os problemas reais dun País altamente dependente da pesca.
Pola súa parte, o deputada Daniel Rodas, incide na problemática da etiquetaxe do mexillón, cuestión, explica, que foi perfectamente definida polo presidente da Comisión quen afirmou que ante unha sentenza o que compre é acatala, así como reunirse con ACERGA, que teñen denunciado o modelo actual de reparto e xa teñen trasladado información precisa para comprender o despropósito do modelo de reparto individual baseado en supostos dereitos históricos, dereitos que benefician a quen máis pescou e penaliza a quen regulou e aplicou un modelo sostible.
O BNG censura a falta de ética da titular de Mar, utilizando os resortes políticos non para enfrontar o drama que está a vivir o sector do mar senón para tapar a contestación social de todo un País que rexeita o actual modelo que precariza a actividade e privatiza o dereito a poder pescar, a desenvolver unha acuicultura sostible e un marisqueo baseado na calidade da auga, e non na produción en mans duns poucos. Preguntámonos que ten que ocultar Rosa Quintana para reunirse cunha única parte do Consello Galego de Pesca e impedir que o resto poida facer o mesmo ?