A deputada afirmou que a documentación da Comisión Mixta de transferencias confirma que durante esta lexislatura, o Goberno galego non solicitou a transferencia da AP-9 nin ningunha outra
A parlamentaria defendeu hoxe unha Moción con catro puntos para que o Goberno galego inicie as accións necesarias co fin de: demandar do Goberno do Estado unha redución nas peaxes da AP-9 e AG 53 que como mínimo, supoña do 50 por cento das actuais, que o Parlamento reclame ao Ministerio aplicar os mesmos descontos e vantaxes de outras autoestradas fora de Galiza, tamén xestionadas polo Estado, repoñer o conxunto de traballadores e traballadoras suprimidos nos últimos tempos e que se garanta que en todas cabina un traballador ou traballadora cobre de maneira manual a peaxe. Pontón tamén reclamou un estudo no que se aborde a situación xurídica da AP-9 e as posibilidades do seu recate para a xestión pública.
Con esta moción, dixo a nacionalista, o BNG marca unha posición de mínimos para que a AP-9 fique libre de peaxes porque resulta un articulo de luxo para moitos traballadores e traballadoras galegas que non poden acceder a ela polo custe e deben circular por unha vía que condiciona a súa seguridade polo trazado e as condicións do seu firme.
As peaxes en Galiza son un agravio porque son as máis caras do Estado e foi unha decisión política a que condicionou a actual situación ao volver a privatizar esta infraestrutura. Non é normal , remarcou Pontón, que na última década a AP-9 duplicara o prezo das peaxes.
Despois de dous meses a Ponencia da Proposición de lei para reclamar a transferencia segue sen constituírse
Para a deputada, o Parlamento galego debe ter unha posición sobre esta cuestión e non continuar co seu papel que cualificou de cero a esquerda ao negarse o Partido popular a apoiar en Galiza e no Congreso unha iniciativa que cuestionara as peaxes na AP-9 e na AG-53 e tamén teñen outra responsabilidade cando publicamente afirman que queren a transferencia pero logo non a reclaman. Os datos oficias do Ministerio confirman que o PP nunca pediu a transferencia e o máis grave e que converten ao Parlamento nun paripé cando existe unha Proposición de lei, dende hai dous meses, e aínda non foi constituída a ponencia porque non hai interese en solicitar esa transferencia. Vostedes anuncian en período electoral que pedirán a transferencia pero logo non teñen interese nin presión política.
A parlamentaria lamentou que o portavoz do Partido popular, Alejandro Gómez xustificara as abusivas peaxes das autoestradas e acosouno de complicidade dunha situación gravosa para todos os galegos e galegas.
A moción nacionalista foi rexeitada polo Grupo maioritario do Partido popular.