A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón mantivo un encontro, na cidade de Vigo, con traballadoras de empresas de telemárketing e representantes dos comité das empresas,Unísono e Bosch, esta última inmersa nun ERTE que afectará a 600 persoas.
Pide á Xunta "abrir unha mesa de diálogo co sector do telemárketing para frear a deslocalización dos servizos e loitar contra a precarización laboral feminina".
Tras poñer en valor o traballo do telemárketíng, realizado na súa maior parte por mulleres, a portavoz nacionalista salientou que o sector vive unha grave situación de precariedade, con contratacións temporais e a tempo parcial; baixos salarios; ritmos e carga de traballo crecentes co fin de producir máis en menos tempo ao que sumou a presión das empresas e as dificultades das mulleres para poder conciliar.
Entre as cuestións tratadas na xuntanza, Pontón destacou que o 60% do persoal de Bosch son mulleres, da empresa e de ETTs e xunto a Unísono, dan emprego a case 3.000 persoas en Vigo. Dende o mes de decembro, a redución de carga de traballo de VODAFONE, cliente principal para o que traballa o 60% do persoal de Bosch, provocou a deslocalización de parte dos servizos a Colombia e Exipto. Neste sentido, a portavoz nacional do BNG, asegurou que “a deslocalización dos servizos sería freada se a atención aos clientes fose en lingua galega”. A Xunta de Galiza, insistiu, debe implicarse e impedir a deslocalización. Dende o BNG, xa rexistramos varias iniciativas parlamentarias nesta liña.
Pontón afirmou que se o traballo nun centro de chamadas é considerado dos máis precarios pola inestabilidade e condicións laborais, traballar a través dunha ETT pode considerarse como a “precariedade dentro da precariedade”.
CHAMADA Á PARTICIPACIÓN MASIVA NO 8M
A portavoz do BNG reiterou que neste 8M as mulleres temos “moitas razóns para saír as rúas para loitar contra a precariedade” e poñer fin as “contrarreformas laborais” que precarizaron aínda máis as mulleres polo que fixo un chamamento a participar masivamente nas mobilizacións “para defender os nosos dereitos”, para pararlle os pes a “esa dereitona” que quere levarnos para atrás e sobre todo para deixarlle ben claro aos diferentes gobernos que “as mulleres queremos solucións”. O 8 M do ano pasado foi histórico pero os gobernos “non tomaron nota”.
Este ano, engadiu, as mulleres volveremos ás rúas para deixar atrás as discriminacións, as violencias e precariedades porque “estamos fartas de vivir en desigualdade”, sentenciou.
Nunha cidade como Vigo que é un emblema feminista, hoxe máis que nunca é necesaria a participación na folga e nas mobilización do 8M porque o mundo non pode seguir construíndose coa exclusión da metade da sociedade.
AXENDA FEMINISTA GALEGA
A líder do BNG afirmou que na axenda feminista galega hai que priorizar a loita contra a “precariedade” feminina e para iso é preciso poñer en marcha unha mesa de diálogo entre o sector do telemárketing e a Xunta de Galiza para respectar os dereitos de conciliación e non obrigar ás traballadoras a acudir aos xulgados para a súa reclamación. “Todas as administracións deben implicarse neste ámbito” e non reducilo a que un presidente coloque un lazo lila o 8 M mentres os restantes 364 días do ano “non fai nada para resolver os problemas das mulleres ou lexisla en contra dos dereitos das mulleres”.
Ao encontro co sector de telemárketing tamén asistiron as representantes do comité de empresa de Unísono e Bosch e as integrantes da candidatura do BNG á Alcaldía de Vigo, Elsa Quintas, Maribel Tato, María Alonso e Raquel Pérez.