Parlamento Galego

BNG exixe mellorar a depuradora da PLISAN que afecta aos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves

Cristina Fernández
Cristina Fernández
Cristina Fernández Davila denunciou que os cheiros producidos pola depuradora está a afectar  ao desenvolvemento social e as expectativas de crecemento poboacional na comarca

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, exixiu na Comisión 2.ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, ampliar e mellorar a depuradora da Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra - As Neves (PLISAN) que afecta aos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves.

Este espazo industrial supón para o Condado-Paradanta “imprescindible” polo de atracción económica e numerosas oportunidades laborais, nunha das comarcas coa renda per cápita máis baixa de toda Galiza.  Malia os recentes e visibles avances, todo apunta a que aínda vai tardar un par de anos en estar en pleno funcionamento a totalidade da infraestrutura industrial.

Fernández Davila solicitou no Parlamento realizar un estudo sobre o funcionamento da actual depuradora de augas residuais instalada na PLISAN. Unha depuradora que segundo explicou a deputada, “produce cheiros nos núcleos veciñais máis próximos no Concello de Salvaterra de Miño e As Neves”. Esta infraestrutura básica que permite reciclar ás augas que son desbotadas das empresas situadas na PLISAN, “produce de xeito constante malos cheiros que non responden aos estándares de calidade dunha instalación deste calibre” salientou Fernández, unha situación que entorpece o desenvolvemento social destas parroquias, empobrecendo así as expectativas de crecemento e asentamento poboacional da súa área.

“É o momento idóneo” subliñou a deputada, pois de insistir nos requirimentos que dende o BNG se levan feito nos últimos anos a través da Alcaldía das Neves e dende o grupo municipal de Salvaterra de Miño con respecto á depuradora de augas residuais instalada actualmente nos terreos da PLISAN e os problemas que está producindo entre a veciñanza dalgunhas parroquias destes dous concellos.

Na actualidade, tendo en conta o impulso nas actuacións que se lle volve a dar a esta área industrial, “a Xunta de Galiza volta ter unha gran oportunidade para avaliar e resolver esta situación” apuntou Fernández Davila, “acabar co cheiro e mellorar a situación ambiental do regato Xuliana”. A deputada salientou a posibilidade de aproveitar esta avaliación para poder ampliar a infraestrutura (na propia EDAR e da rede de colectores) “para que a mesma dea servizo a núcleos de vivendas próximos que aínda non teñen servizo de saneamento na actualidade”.

Dende o BNG inciden na necesidade dunha negociación entre a Xunta de Galiza, os Concellos e os promotores da PLISAN para que o saneamento de boa parte das Neves se leve a esas instalacións de xeito eficiente, substituíndo así a decantadora de Liñares, nas Neves, e acabando cos problemas que produce entre a veciñanza a actual instalación da EDAR.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG