A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón fixo hoxe un chamamento a participar na folga feminista convocada para o 8 de Marzo e nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego contra as políticas de desigualdade e violencia machista.
Fronte a ideoloxía rancia da “dereitona” na que milita Núñez Feixóo, as mulleres imos reclamar nas rúas máis igualdade, afirmou a portavoz nacional do BNG.
Minutos antes do comezo do pleno no Parlamento galego, as deputadas do BNG, vestidas cunha camiseta baixo o lema “8 de Marzo, eu vou á folga feminista” animaron a participación masiva a convocatoria da folga, porque, “ningún home ten que explicarnos que significa abortar, non necesitamos paternalismos, nin tutelas”, o que queremos, afirmou, a portavoz do BNG, “son gobernos feministas” comprometidos coa igualdade, que apliquen políticas contra as discriminacións de xénero e destinar máis recursos para acabar coas diferentes violencias machistas. Ademais, reclamou gobernos que deixen atrás “a pobreza” que, de maneira maioritaria, dixo, afecta as ás mulleres.
O pasado 8 de marzo, as mulleres xa explicamos o noso malestar coas desigualdades e constatamos, que un ano despois, “non tomaron nota”. O goberno de Núñez Feixóo pasou olimpicamente das reclamacións das nosas reclamacións e lonxe de promover políticas para avanzar na igualdade, “aliouse coa extrema dereita que busca o retroceso”, por iso, é necesario, repetiu, que as mulleres galegas saiamos a rúa a reclamar alto e claro que imos a defender o noso “dereito a ser libres, que queremos cobrar o mesmo polo mesmo traballo, acabar coas discriminacións, e máis recursos para acabar con esas violencias que nos machacan, nos matan e seguen moi presentes na sociedade”.
CONTRA A HIPOCRISÍA DO LAZO LILA
A portavoz nacionalista criticou as forzas políticas que se limitan a colocar o “lazo lila” na solapa para demostrar o seu compromiso coa igualdade, desde o BNG, recalcou, as organizacións que somos feministas defendemos “unha igualdade real os 365 días do ano”, porque de nada sirve a “hipocrisía” dun día e o resto do ano pactar coa extrema dereita.
Pontón fixo un chamamento a todas as mulleres a participar na mobilización nacional convocada polo feminismo galego o vindeiro domingo, 3 de marzo na cidade de Lugo e na folga internacional do 8 M para que todas as galegas poidamos estar “con voz propia” e denunciar que estamos cansada de cobrar menos polo mesmo traballo, das violencias machistas, escoitar sentenzas como a da Manada e fartas de comprobar a falta de compromiso dos diferentes gobernos. “ Este é o tempo do feminismo” e imos demostralo, unha vez máis nas rúas.