Diante da declaración desta tarde do presidente do Goberno catalán, Carles Puigdemont, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos manifestar o seguinte:
- Recoñecemos a lexitimidade democrática das decisións e acordos do Parlamento catalán, espazo da representación política soberana do pobo de Catalunya.
- Consideramos que este é o momento de que o Estado español colla a man tendida que lle acaba de ofrecer o presidente Puigdemont e apoiamos a apertura dun proceso de diálogo político -con respaldo e mediación internacional- entre os gobernos catalán e español.
- Como forza política galega, chamamos a sumar voces e opinións desde a nosa sociedade en favor do diálogo e dunha resolución pacífica e democrática do conflito político aberto, e sempre desde o recoñecemento pleno do dereito a decidir e da plena capacidade para exercer na práctica ese dereito.
- Reiterámonos na nosa posición, pública e coñecida. Este conflito só ten unha saída: que o pobo catalán poida expresarse en liberdade e con plenos dereitos democráticos. E o mesmo no caso galego e vasco. O Estado español debe recoñecer a súa realidade e natureza plurinacional e, consecuentemente, aceptar o dereito das nacións que hoxe facemos parte del a decidir e a exercer, no seu caso, a nosa plena autodeterminación. De non facelo, o problema político de fondo, lonxe de resolverse, agravarase.
- O Goberno español ten a obriga de mudar as porras, ameazas, multas e represión polo diálogo, a negociación e o respecto á decisión e vontade do pobo catalán.
- As e os nacionalistas galegos mostramos novamente toda a nosa solidariedade coas institucións e co pobo de Catalunya e o noso apoio e firmeza na defensa das liberdades, os dereitos e a democracia, aquí e alí.