O deputado e portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos celebrou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para incoar un expediente sancionador ás empresas Monbus e Alsa por irregularidades no transporte público e afirmou que con esta decisión, o TSXG “da a razón” ao BNG nas reiteradas denuncias da forza nacionalista no Parlamento galego.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o deputado recalcou que a sentenza xudicial é “a punta do iceberg” dunhas irregularidades que contan co “encubrimento e conivencia” da propia conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e polas que o BNG pedirá, en sede parlamentaria, “explicacións e responsabilidades”.
Paulo Ríos denunciou o “trato de favor” do Partido popular a empresas amigas e da máxima responsable do transporte público en Galiza que debe asumir, dixo, as consecuencias do que pase na súa área. Facemos polo tanto, responsables do acontecido coas empresas Monbus e Alsa á conselleira e director xeral polas “adxudicacións e incumprimentos das concesionarias”, afirmou.
Despois de coñecer a sentenza do TSXG que traslada á Comisión galega da Competencia “incoar un expediente sancionador por unha irregularidade na adxudicación de contratos de transporte público por estrada ás empresas de transporte público Alsa e Monbus”, tras confirmar a existencia manifestos indicios racionais para repartir o mercado, licitacións e contratos de máxima contía económica dende o BNG, dixo, consideramos que hai que “depurar responsabilidades.
Para o BNG, a sentenza confirma as denuncias do propio BNG, organizacións sindicais e un gran número de usuarias e usuarios polas moitas irregularidades detectadas no servizo e “non imos aceptar” as explicacións da conselleira, Ethel Vázquez que nega o acontecido. Neste sentido, engadiu que o pasado 7 de agosto do 2020 no proceso do trámite das adxudicacións, xa existía unha denuncia da CIG alertando de “comportamentos contrarios á libre competencia” así como o proceder das Utes de Alsa e Monbus nos lotes. Pola súa parte, a Xunta de Galiza afirmou que non tiña indicios do feito denunciado, a pesar dunha nova denuncia formulada pola CIG en Maio do 2021 sobre irregularidades e incumprimentos dos contratos e sobre á que a Xunta volveu a manter a mesma postura.
Ademais, engadiu Paulo Ríos, o propio sector do transporte formulou diversas denuncias ante a Comisión Galega de Competencia que arquivou a denuncia considerándoa “nula” sen ter iniciado ningunha investigación ao respecto.
O deputado do BNG recalcou que existían indicios claros como os denunciados e agora a Xustiza confirma “un acordo explícito” entre Monbus e Alsa para repartirse os lotes e non competir entre ambas empresas. “Os únicos que non viron o que estaba pasando foron a Xunta de Galiza e o Partido popular”. Denunciamos, o “trato de favor” do PP a empresas amigas” como Monbus co 80% do transporte público en Galiza.
Entre as irregularidades detectadas en ambas empresas destacou a duplicidade de matriculas dos vehículos, falta de vehículos, idades que superan o recomendado para os vehículos así como o incumprimento da certificación ambiental preceptiva nos contratos asinados polas empresas e a Xunta de Galiza.
Para o deputado, todas estas circunstancias “devaluan o transporte público” e resultan “un atropelo” para o propio sector e a cidadanía. Galiza, insistiu “non é a leira privada do PP e os seus amigos”.
Paulo Ríos anuncio que o BNG pedirá “responsabilidades e explicacións ao goberno galego” e seguirá denunciando todas as irregularidades que están deteriorando o transporte público en Galiza e conducindo a empresas familiares do sector a pechar por unha política de monopolio amparada pola consellería de Infraestruturas e Mobilidade, concluíu.