A deputada do BNG Rosana Pérez reclamou este martes ao Goberno do PP que decrete a paralización da actividade nos bancos de libre marisqueo na ría de Arousa, tal e como recomendan -dixo- os técnicos da Consellería do Mar ante a situación de “colapso” e falta de produtividade. “No que vai de campaña, cos Lombos pechados e a actividade reducida a 4 días en Cabío e O Bohído, moitos mariscadores tiveron que abandonar a actividade” por “inútil e improdutiva”, advertiu.
Rosana Pérez defendeu na Comisión de Pesca do Parlamento unha proposición non de lei para, ademais da paralización da actividade, demandar que se habiliten as partidas orzamentarias necesarias para atender á frota afectada pola paralización da actividade.
A iniciativa, que non saíu adiante polos votos en contra do PP, propuña así mesmo a posta en marcha de medidas para tentar a recuperación dos bancos, comezando polos estudos de calado que o propio sector e o BNG veñen reclamando dende hai anos para coñecer as causas da perda de produtividade na ría de Arousa e poder establecer a “folla de ruta” e as actuacións para a recuperación da ría.
Na defensa da proposición non de lei, a deputada nacionalista subliñou que a situación de improdutividade na ría arrástrase dende hai anos e que, malia iso, non se coñecen nin as actuacións que a Xunta di estar levando a cabo, nin as explicacións técnicas e científicas. Nada se sabe tampouco, agregou, das medidas que solicita o sector desde hai máis de dez anos.
“O único que se lle ocorre á Consellería despois de todos estes anos é manter a campaña aberta ata abril, sen practicamente recurso que extraer, polo simple e gravísimo feito de non querer un paro da actividade para non ter que pagalo”, reprobou ás bancadas do Partido Popular.
A voceira de Mar do BNG criticou ademais que os responsables de Mar digan que non teñen cartos para habilitar nunha liña de axudas cando no período 2014-21 do Femp deixaron sen executar 109 millóns de euros. Ademais, segundo o Consello de Contas, no 2022 o nivel de execución destes fondos, 90 millóns para ese ano, non chegou ao 50 %.
Afondando nesta cuestión, Rosana lembrou que para o período 2021-27 a Consellería dispón de 366 millóns de euros duns fondos, os Fempa, que segundo criticou se utilizan para crear sete oficinas para asesorar a empresas ou para que o conselleiro vaia “de feira en feira”, pero non para impulsar o sector extractivo e “poñer as rías a funcionar”.
Rosana Pérez lamentou que, máis unha vez, o PP votase en contra da paralización da actividade nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa, “a nai do año”, e se negue ademais a compensar ao sector. “A escusa de que non hai fondos é o colmo da falsidade”, manifestou, para lamentar que a acción da Consellería se limite a “seguir estirando o chicle” nunha ría que cada ano produce menos e na que o número de embarcacións de libre marisqueo pasou nunha década de máis de cincocentas a menos de 120.
O PP, en bucle: todo é culpa das condicións meteorolóxicas
“A situación na ría é un auténtico desastre pero o PP, na vez de tomar medidas, segue en bucle, insistindo en que a culpa de todo é das condicións meteorolóxicas”, salientou a responsable de Pesca do grupo nacionalista, que se preguntou se esas condicións non afectan tamén a Portugal, porque “este ano foi o que máis marisco do país veciño importamos legal e ilegalmente”, aclarou.
Rosana Perez afeou tamén ao Goberno de Rueda que se dedique a constituír grupos de traballo, “unha das súas medidas favoritas”, dos que despois nada se sabe. “Destrúen postos de traballo todos os anos no marisqueo, tamén no libre marisqueo, pero anuncian e requeteanuncian grupos de traballo para analizar a situación da ría, que nunca sabemos nin a que conclusión chegan nin que resolven”, reprochou.