O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de presentar nas Cortes do Estado unha serie de iniciativas encamiñadas a lograr a apertura de Marín ao mar, facilitando a cesión de terreos pertencentes ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel e ao Ministerio de Defensa ao Concello de Marín para o seu uso público. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda a colaboración do Goberno para este ambicioso proxecto municipal que procura a mellora da calidade de vida da veciñanza de Marín e a dotación de máis espazos públicos para a vila.
A proposta reclama ao Goberno do Estado a iniciar a tramitación dos expedientes necesarios para a cesión gratuíta e permanente de terreos da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra e da Escola Naval Militar para destinalos a zonas verdes, espazos de esparexemento e actividades náuticas e deportivas. Esta demanda responde á necesidade de acabar cun fechamento urbano que impide o acceso directo da veciñanza ao litoral da vila. Trátase, dunha parte, de terreos portuarios que xa non están afectos a ese uso e, por outro, dunha área da escola que, na actualidade, está completamente infrautilizada, por tanto, é unha oportunidade para dedicar estes espazos a usos públicos e facilitar a apertura ao mar da vila de Marín.
“Demandamos ao Goberno do Estado a cesión ao Concello de Marín dos espazos e bens non afectos á explotación portuaria, segundo o convenio asinado en 2020 e prorrogado en 2024, que inclúe o Paseo da Avenida de Ourense, o Parque Azul, o Paseo Alcalde Blanco e outras infraestruturas clave” sinala Néstor Rego. Así mesmo, continúa explicando, a frente nacionalista reclama a incorporación da dársena de embarcacións menores, a parcela resultante da demolición da nave almacén de Pérez Torres, o edificio da cafetería do Paseo Alcalde Blanco e un inmóbel na Avenida de Ourense para destinalo a centro social.
Por outra parte, Rego exixe a transferencia de edificios e espazos na explanada do antigo Peirao da Ribeira unha vez rematen as actuais concesións, co obxectivo de integrar estes terreos no tecido urbano e poñelos ao servizo da cidadanía. “A cesión, tamén, do terreo da Escola Naval Militar onde se sitúa a pista de atletismo, retirando o valado perimetral para favorecer a apertura ao público, con posibilidades de habilitar un museo municipal e espazos náuticos deportivos” engade Rego.
O deputado do BNG no Congreso subliña que Marín segue a estar illado do seu litoral, con apenas dous accesos ao mar ao longo de 2,3 quilómetros de fronte urbana, e que esta situación non é aceptábel. A cesión dos terreos permitiría a creación dun gran espazo público, melloraría a calidade de vida da veciñanza e dinamizaría economicamente o municipio.
"O noso obxectivo é transformar Marín nunha vila aberta ao mar, onde os espazos portuarios e de defensa se integren no día a día da cidadanía" afirma Néstor Rego. "Non hai razoamento técnico nin estratéxico que xustifique manter estas barreiras urbanísticas" engade.