Parlamento Europeo

BNG oponse a que unha empresa contaminante como Altri reciba fondos europeos

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda: “Que intereses ten o PP para querer que en Galiza se instale unha macrocelulosa que vai destruír o medio ambiente e miles de empregos? É un escándalo”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou a oposición do Bloque a que unha empresa altamente contaminante como Altri reciba fondos europeos. “Os 250 millóns de fondos europeos que a macrocelulosa pretende recibir teñen que servir para a protección da nosa terra e o saneamento das nosas rías, non para destruílas”, salienta Ana Miranda ao respecto.

“Que intereses ten o PP para querer que en Galiza se instale unha macrocelulosa que vai destruír o medio ambiente dunha comarca como a Ulloa e miles de empregos xa existentes?”, manifesta a eurodeputada galega, quen considera que é “un escándalo” que os eurodeputados do PP pidan que esta empresa altamente contaminante -que vulnerará até 14 directivas europeas- reciba fondos europeos.

O macroproxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei provocará contaminación das augas do río Ulla e do embalse de Portodemouros, contaminación ambiental, destrución de hábitats singulares e perda de biodiversidade polo impulso dunha maior eucaliptización da Galiza, ademais de poñer en risco tres especies de flora en perigo de extinción. Ademais, segundo explica Ana Miranda, afectará negativamente a actividade agraria e gandeira da zona, a actividade pesqueira e marisqueira da Ría de Arousa e o turismo sustentábel arredor do Camiño de Santiago”.

Veto na Eurocámara

“Por que o PP se empeña en enganar á cidadanía e vender como positivo un proxecto altamente destrutivo para Galiza? Que intereses ocultan? Por que se empeñan en non escoitar ás miles de persoas que se manifestan contra este proxecto?”, critica a eurodeputada do BNG, quen ademais denuncia que na Eurocámara o PP tense aliado en sucesivas ocasións coa extrema dereita para vetar que os colectivos contrarios á instalación da macrocelulosa poidan comparecer na Comisión de Peticións para explicar a súa postura.

Ana Miranda, pola súa banda, subliña que o Bloque seguirá loitando contra a instalación de Altri en Palas de Rei e para que os colectivos afectados poidan ser escoitados no Parlamento Europeo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG