A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu á tribuna da Cámara para realizar unha intervención crítica coa proposición non de lei do PP relativa á liberación do dirixente opositor venezolano Leopoldo López e denunciar o sectarismo e a hipocresía política desta iniciativa.
O BNG presentou conxuntamente con ERC, Amaiur e a Izquierda Plural unha emenda de substitución ao texto resolutivo do PP, que non foi aceitada xa que o PP e o PSOE transaccionaron un acordo.
Na súa intervención, a deputada do BNG dirixiuse aos escanos do PP e do PSOE para afirmar que se o seu verdadeiro desexo e o seu principal obxectivo político fose o respecto escrupuloso polos dereitos humanos, pola paz, pola democracia e pola soberanía dos pobos terían tido a dignidade, sobre todo após da Cimeira das Américas, de retirar esta iniciativa.
En Venezuela hai inxerencias desestabilizadoras intolerábeis
Rosana Pérez deixou claro que o chavismo gañou 18 de 19 consultas eleitorais. A última en 2013, supervisadas por Observadores Internacionais. Entre eles españois, que as cualificaron de exemplalres. A pesar desta lexitimidade democrática, destacou a deputada do BNG, Venezuela segue a soportar intentos intolerábeis de inxerencias externas e de manobras desestabilizadoras promovidas e organizadas por quen son incapaces de admitir o dictame das urnas e respectar a soberanía do pais.
Puxo de manifesto que en ditas manobras estiveron implicadas persoas e organizacións da oposición política de Venezuela. Leopoldo López, Antonio Ledezma e outros dirixentes opositores fixeron chamamentos explícitos á poboación para que saísen á rúa a rematar co Goberno de Maduro elexido democraticamente.
Explicou Rosana Pérez que as manifestacións e protestas que alentaron duraron meses e costaron a vida de máis de 40 persoas, e perto de 900 feridos. Esta á a realidade e non a que vostedes argumentan e que xa vimos e ouvimos até a saciedade nos medios que lles son afíns, que manipulan a realidade co único obxectivo de facer crer que o Goberno venezolano é unha dictadura a derrocar.
Hipocresía política de PP, PSOE e Felipe González
A deputada do BNG preguntou ao PP como é posíbel que vostedes que aprobaron a Lei Mordaza, que sosteñen a un Goberno que se nega a extraditar a cargos franquistas que cometeron crimes contra a humanidade, nos veñan a falar de que en Venezuela non se respectan os dereitos humanos.
Rosana Pérez aludiu á Cimeira do Alba, a xunta de estados membros de Unasur, e ao pronunciamento unánime de 33 países da Cimeira das Américas que apostan porque a situación de Venezuela se resolva mediante os mecanismos previstos na súa Constitución. Até o propio Obama tivo que recoñecer que o diálogo pacífico entre as partes é a única saída.
Rematou subliñando que todo o mundo entende isto a excepción do PP, do PSOE e Felipe González. Paradóxico que os principais defensores da súa orde constitucional ataquen a orde constitucional de Venezuela. Rosana Pérez conminou a PP e a PSOE a sumarse ao diálogo e abandoar a súa hipocresía política.