A deputada do BNG Olalla Rodil constatou no Pleno do Parlamento a decisión da Consellería de Sanidade de pechar o consultorio de Doiras, deixando desatendidos a 238 veciños da alta montaña de Lugo, que a partir de xullo terán que desprazarse até o centro de saúde de San Román, tamén no Concello de Cervantes, para poder recibir consulta médica.
“É triste, lamentable e vergoñento, e ímolo parar pola vía que sexa e, se hai que mobilizarse, mobilizarémonos”, concluíu Rodil tras escoitar ao titular de Sanidade que, ante a pregunta explícita de se se vai pechar o consultorio -no que quedou vacante a praza de médicx- asegurou que se mantería o servizo de enfermería só até finais de mes e que a partir de xullo “(os veciños) terán atención no Concello de Cervantes, no centro de saúde de San Román”.
A deputada nacionalista confesou estar “máis preocupada” despois de escoitar ao conselleiro, porque “deixa aos pés dos cabalos” a eses 238 veciños da alta montaña, que se verán obrigados a percorrer vinte quilómetros –“que non son en liña recta”- para recibir atención médica. Unha situación que se agrava polo feito de que os afectados e as afectadas son en gran parte persoas con máis de 65 anos que carecen de transporte público.
“Dependen do seu propio vehículo e se non poden conducir, de que os leve un familiar ou un veciño”, subliñou a deputada nacionalista, quen expuxo ademais casos particulares de persoas que, por mor das estradas, teñen que viaxar até corenta minutos para ir ao centro de saúde de San Román. Persoas ás que Rodil referiuse con nomes reais, como os de Asunción e Manuel, unha veciña e un veciño de San Martiño con máis de setenta anos e que non conducen; ou Toño, do Pando, que está na mesma situación. Os tres viven a case 40 minutos de San Román.
Onde o PP só ve números, hai persoas
A deputada criticou que o PP recorrese á “carga asistencial moi baixa” como argumento para xustificar ante a veciñanza de Doiras o peche do consultorio. “Segundo o Partido Popular, conselleiro, canto é o que teñen que enfermar en Doiras para garantirlles a asistencia sanitaria?”, preguntou, cualificando de “moi perversa” a idea de que “hai unha parte do País e dentro dela moita xente á que, segundo o PP, non sae a renta darlle servizos”, unha idea -recalcou- que “crea cidadáns de primeira e cidadáns de segunda”. “Onde o PP só ve números hai persoas de carne e oso”, subliñou.
Na quenda de réplica, Rodil afeou ao conselleiro a falta de coñecemento do territorio, convidando a “pisar” a alta montaña de Lugo para comprobar o que suporá o peche do consultorio.
Afirmou, por outra banda, que se faltan médicos é, precisamente, por culpa do PP, “porque recortou as prazas MIR mentres gobernaba en Madrid, porque impuxo taxas de reposición que se mantiveron até o de agora e, sobre todo, porque impuxo unhas condicións laborais leoninas que fan que ninguén queira ir a Atención Primaria”. “A xente escapa como se lle viñese o demo detrás das condicións de traballo que se atopan nos centros de saúde”, apuntou.
Rodil cifrou en 82 as prazas vacantes nos últimos dous anos e rematou a súa intervención dirixíndose ao conselleiro: “Queren formar máis MIR para que queden máis prazas vacantes?”, preguntou, asegurando estar “aterrorizada” pola situación na que o PP está deixando a sanidade pública. “Nunca tantos recursos houbo, nunca tantos profesionais houbo e nunca tanta xente estivo sen médico e sen pediatra”, ironizou.