A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reiterou hoxe o compromiso do Bloque para evitar o terrible impacto da macrocelulosa Altri que o PP quere instalar en Palas de Rei, tanto sobre o medio ambiente como sobre os recursos pesqueiros, en especial na ría de Arousa. Precisamente en resposta á Miranda sobre unha pregunta a respecto da vulneración de normas de aplicación europea, a Comisión Europea sinala que agarda que as autoridades “leven a cabo unha sólida avaliación de impacto ambiental”.
“Estamos diante dun proxecto que contaminará o mar e a terra e que segundo os estudos científicos vulnerará até 14 directivas europeas”, denuncia Ana Miranda, quen explica que a macrocelulosa provocará a contaminación das augas do río Ulla e do embalse de Portodemouros, así como contaminación ambiental, destrución de hábitats singulares e perda de biodiversidade debido ao impulso dunha maior eucaliptización da Galiza, ademais de poñer en risco tres especies de flora en perigo de extinción.
A respecto do consumo da auga, a eurodeputada galega indica que serán un total de 46 millóns de litros de auga ao día, dos que serán vertidos 30 millóns de litros contaminados ao río Ulla, a unha temperatura de entre 27º e 29º, que afectaría non só ao río Ulla, senón tamén e de forma moi grave ás zonas pesqueiras e marisqueiras da ría de Arousa.
Precisamente na resposta remitida pola CE, o documento recolle a implantación de “medidas de mitigación idóneas para garantir que o proxecto cumpra a lexislación aplicable, e en particular as Directivas de protección da natureza e a Directiva marco da auga”.
Boicot e ocultación
“Diante desta situación preguntámonos unha vez máis que interese ten o PP en que se instale Altri en Galiza”, manifesta Ana Miranda, quen considera un “auténtico escándalo” que os populares non só boicoteen aos afectados pola macrocelulosa na Eurocámara durante meses, senón que no Parlamento Galego oculten información relacionada con Altri, tal e como vén de denunciar Ana Pontón.