Durante a sesión de control ao Goberno do Estado no Congreso, o Bloque Nacionalista Galego reclamou soberanía fiscal e un sistema de financiamento que dea á Galiza a capacidade normativa e de recadación. O deputado do BNG, Néstor Rego, interpelou a Vicepresidenta Primeira e Ministra de Facenda demandando o compromiso do executivo para rematar cun sistema de financiamento “totalmente lesivo para a Galiza” e acordar un sistema de financiamento xusto para a Galiza que permita mellorar os servizos públicos e impulsar políticas públicas necesarias.
“A situación debe mudar o antes posíbel”
Comprobouse que o actual sistema de financiamento “é gravemente lesivo para a Galiza”, un País que, como consecuencia da falta de soberanía política e fiscal, está situado á coa do Estado en indicadores socio-económicos e de calidade de vida. Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso demandou o compromiso da Vicepresidenta Primeira e Ministra de Facenda, e por extensión a todo o Goberno do Estado, a mostrarse en disposición de acordar un sistema de financiamento xusto para a Galiza, “que recoñeza a súa singularidade e acabe coa discriminación que implica o actual modelo”.
Un sistema, denunciou Néstor Rego, que non ten en conta de maneira adecuada factores como a dispersión poboacional, que encarece todos os servizos, ou o envellecemento. O economista Xosé Díaz estima que, desde 2009, o Estado succionou á Galiza case 60.000M€. “Se tomamos a liquidación de 2022, resulta que a diferenza entre o que os galegos e galegas pagamos en impostos e o que o Estado nos devolve sitúase en 5344 M€, sen contar o efecto sede” exemplifica o deputado do BNG.
Mesmo que houbese que destinar a metade desa contía ao Estado para o pagamento dos servizos común, , teoriza, estaríase a falar dun incremento dos recursos públicos para a administración galega de máis de 20% en relación cos orzamentos da administración galega, una cantidade significativa.
Un novo marco económico e fiscal para a Galiza: o concerto económico
“O BNG reclama soberanía fiscal e, no inmediato, un sistema de concerto que dea á Galiza capacidade normativa e de recadación” demanda Rego a Montero. Se o Goberno, di o deputado do BNG, acepta un financiamento “singular” para Cataluña, tamén deben de aceptala para un País como a Galiza “con características singulares que pode e debe responsabilizarse de si propio e dos recursos que xera”.
Este modelo defendido polo BNG xa o ten Euskal Herría, terao Cataluña e debe telo tamén a Galiza: as tres nacionalidades históricas. “Porque é de xustiza e porque é bon para os galegos e galegas” finda.
Durante a súa intervención, a Vicepresidenta Primeira do Goberno agradeceu a pregunta e o ton do deputado nacionalista “nun debate que se debe abrir para procurar formulas que permitan avanzar na mellora dos servizos públicos”. Neste sentido, sinalou que o executivo está intentando impulsar un modelo que incremente os recursos para as Comunidades Autónomas e anuncia a disposición do Goberno de blindar as competencias da Galiza. Así mesmo, tende a man ao BNG para sentarse a traballar e negociar unha reforma do actual sistema.