O portavoz de industria do BNG, Ramón Fernández defendeu unha proposición non de lei, que foi aprobada por unanimidade, para que Galiza reciba o mesmo trato que a comarca aragonesa no concurso de transición xusta para permitir permita a reindustrialización da vila das Pontes e que os mellores proxectos non sexan instalados noutros territorios.
O parlamentario explicou que o concurso de transición xusta consiste en promover un proceso público de concorrencia competitiva para facerse coa concesión de acceso á rede eléctrica que o peche da central térmica das Pontes vai liberar, e que de feito xa liberou cando menos parcialmente, co apagado de dous dos catro grupos de xeración cos que conta.
Existe, a día de hoxe, un exemplo real, xa en fase de execución, de como funciona este procedemento e dos seus resultados, o de ANDORRA-TERUEL, onde existía tamén unha central térmica de ENDESA que pechou.
O peche desta central, engadiu Mon Fernández, liberou unha capacidade na rede de 1.200 megawatts. Por outro lado, o INSTITUTO DE TRANSICIÓN XUSTA, organismo dependente do MITECO, promoveu o concurso de transición para a concesión de 953 destes 1.200 megawatts, e o proxecto gañador de entre os 12 que se presentaron, foi o da “propia ENDESA” que comprometeu un investimento de 1.200 millóns de euros e cunha previsión de crear 3.500 postos de traballo.
O deputado lembrou que a directora do INSTITUTO, Laura Martín Murillo, nunha entrevista publicada recentemente, amosábase moi satisfeita co resultado do concurso por garantir postos de traballo, seren un concurso público e de concorrencia competitiva, posibilitar a escolla entre diferentes proxectos en termos cualitativos e garantías económicas para a execución do proxecto. Neste sentido, ENDESA depositou 220 millóns de euros e a non execución do proxecto significa a perda do acceso á rede eléctrica.
Neste momento, sinalou o nacionalista, sabemos que no mes de xuño deste ano a empresa, a través da súa páxina web, publicou a capacidade dispoñíbel en todos os nós de transición do estado español, “e no das Pontes”, segundo esa información a “capacidade é de 0”.
Por outra parte, criticou que a negativa do goberno estatal a responder ás preguntas formuladas polo BNG sobre esta cuestión, ao que sumou a negativa da ministra convocar a mesa das Pontes para dar explicacións. Ademais, dixo, nunha reunión telemática con representantes empresariais das Pontes, a mesma directora do INSTITUTO que presume do resultado do concurso en ANDORRA-TERUEL, informa que “nas Pontes non haberá concurso de transición”.
As criticas do deputado do BNG tamén se referiron ao PSOE liderado por Valentín Formoso, alcalde das Pontes, que “xustifica e oculta” o grave prexuízo da negativa do concurso de transición xusta para As Pontes.
Para o BNG, a posición do Parlamento Galego debe ser clara e inequívoca demandando ao “Goberno do Estado que cumpra cos compromisos adquiridos, que corrixa o que teña que corrixir porque algo fixo mal. “O goberno, recalcou, debe impulsar o concurso de transición xusta para a concesión do nó de acceso das Pontes igual que fixo en ANDORRA-TERUEL”.
No BNG temos claro que “As Pontes e Galiza, non poden renunciar ao concurso de transición xusta, porque aínda que sexa dun xeito parcial, coa capacidade liberada polo peche destes dous grupos, é fundamental compatibilizar este funcionamento parcial da central que ademais vai ser estritamente temporal, coa celebración do concurso para non quedar atrás. Urxe evitar mellores proxectos sexan instalados noutros territorios, “quedando a Vila das Pontes a última da fila”.
O parlamentario do BNG celebrou o apoio unánime á proposta nacionalista e avanzou que no Congreso dos deputados será debatida, á iniciativa do BNG, outra proposta na mesma liña. Agardamos, dixo, “que o PP e PSOE manteñan a mesa posición que en Galiza e non muden o voto”.