Ourense, 5 de setembro de 2019. A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, denunciou a imparcialidade coa que a Xunta de Galiza trata ao concello da Rúa. Dous meses despois de que o director xeral de Defensa do Monte promentera unha motobomba para o concello veldeorrés, a máquina aínda non se atopa dispoñíbel.
Presas criticou que o concello da Rúa aínda "non ten unha motobomba dispoñíbel para loitar contra os incendios forestais". Sinalou que setembro e outubro son "meses complicados en canto a lumes" no Ourense oriental e "non se pode consentir esta situación". Asemade, indicou que "a Xunta mentiu cando prometía unha motobomba para o concello da Rúa. A día de hoxe seguimos sen ter a protección adecuada".
"A Rúa ocupa un lugar moi céntrico e estratéxico dentro da comarca de Valdeorras e sempre sae a axudar aos demais concellos. Isto é unha irresponsabilidade con toda a comarca" incidíu Presas, deputada do BNG por Ourense.
Adiantou que o BNG volverá a levar esta situación ao Parlamento Galego e "apelaremos á responsabilidade da Xunta de Galiza e ao goberno de Feijóo para que faga o seu trabllo e cumpla a súa palabra".
Acordo no Parlamento Galego
A deputada, ademáis, lembrou que en maio de 2018 xa criticara "o sectarismo da Xunta de Galiza" ao non facerse cargo do arranxo dunha motobomba nin a cesión doutra ao concello valdeorrés. De feito, o BNG impulsou un acordo entre os grupos políticos do Parlamento para correxir esta situación.
Noa Presas engadía no seu momento que o Partido Popular non aprendera nada da vaga de lumes de outubro de 2017 na que arderon 30.309 hectáreas só na provincia de Ourense, a metade de ha que arderan no resto de Galiza nese mesmo ano.