O deputado do BNG, Paulo Ríos defendeu unha proposición non de lei instando á Xunta a cancelar a relación coas empresas concesionarias dos comedores escolares de Moaña “por incumprimento de contrato. O deputado criticou que o Partido popular, a pesar de recoñecer as deficiencias e mala calidade do servizo, anunciara un incremento do 21% para a vindeira licitación e votara en contra da reclamación do BNG.
Na súa intervención, Paulo Ríos recalcou que o Partido popular non pode anunciar que o ano que vén mellorarán as condicións do servizo, un recoñecemento, dixo, queda a medias e incluso intente xustificar unha situación dabondo denunciada. As fotografías, recalcou Ríos, non enganan e a través delas podemos ver o que comen os nenos e nenas, “un servizo que non se corresponde co recollido nos contratos”.
O parlamentario do BNG convidou á portavoz popular, Teresa Egerique a visitar os centros para comprobar que os pregos das concesionarias non se corresponden coa realidade. Por outra parte, tamén aludiu á sanción á actual empresa concesionaria por incumprimento de contrato e criticou que só dúas ou tres empresas sexan beneficiadas coas concesións. Dúas ou tres empresas, dixo, “que seguen comendo dos servizos públicos en Galiza”.
Se vostedes coñecen a situación porque non aplicaron algún tipo de compensación nos contratos ante o incremento dos prezos dos produtos, preguntou. O Partido popular, afirmou, non pode seguir escudándose na guerra de Ucraína e se hai unha carencia e sobrecusto dos produtos, os contratos deben ser revisados, “cousa que a Xunta non fixo” e non entendemos “esa pasividade”.
En que se vai a notar o incremento do 21% na seguinte licitación porque moito nos tememos que o ano que vén veremos a mesma empresa levando o catering e con “auditorias avisadas”, denunciou.
O deputado avogou por un servizo de “proximidade” coa reforma integral da cociña do colexio Reibón e anunciou que o concello de Moaña sempre estará disposto a colaborar para mellorar a calidade do servizo, ao que sumou o apoio da comunidade educativa.
As crianzas de Moaña merecen un servizo de calidade como reflicte a moción aprobada por unanimidade no concello de Moaña no ano 2021. Tras formular diversas preguntas no Parlamento galego sobre este asunto, engadiu o nacionalista, a empresa reaccionou e serviu comidas de calidade pero pasadas dúas ou tres semanas o servizo volveu a ser deficiente. Os país e nais do concellos de Moaña amosaron a súa grande preocupación pola alimentación que están a recibir os seus fillos e fillas nun servizo fundamental para a conciliación e a relación coa “comida e os hábitos saudables” de aí que reclamemos “a proximidade do servizo” e abandonar os “macrolotes” que rebaixan a calidade escatimando a alimentación dos nenos e nenas.
O nacionalista reiterou que o concello de Moaña presentará á Xunta de Galiza un proxecto para a “reforma integral” da cociña do colexio de Reibón, que contaba con cociña propia e empregados e empregadas e ese é o modelo que temos que recuperar para incrementar a corresposabilidade e as relación dos produtores e produtoras da contorna.
Paulo Ríos lamentou que o Partido popular vetara a proposta nacionalista para resolver un problema, que causa grande preocupación entre os país e nais dende hai dous anos, e sobre todo ante a posibilidade de repetir no vindeiro curso un servizo “deficiente” a cargo das mesmas empresas.