A senadora do BNG, Carme da Silva, defendeu no pleno da cámara alta a supresión do IVE nos produtos do mar -peixe, conservas e marisco- co obxectivo de aumentar o seu consumo, alimento básico nunha dieta sa, e apoiar o sector pesqueiro galego, un sector estratéxico para a Galiza. Lamentabelmente, o Partido Popular rexeita reclamar ao Goberno do Estado que suprima o IVE neste tipo de produtos malia as demandas do sector e os informes existentes.
A redución ou supresión do IVE nos produtos do mar “non é algo extravagante nin raro”, segundo explica a senadora nacionalista, xa que países da Unión Europea teñen xa un IVE máis baixo. “Noutros, están excluídos da aplicación deste imposto como o caso de Irlanda, Malta e Reino Unido, e moi recentemente Portugal que decidiu reducir o IVE a 0% nas especies máis consumidas” afirma da Silva.
“O PP confórmase con demandar ao Goberno que aplique o IVE superreducido de 4%, dándose cun canto nos dentes” recrimina da Silva sinalando que a bancada popular terá que explicar esta posición na Galiza, sobre todo co sector pesqueiro galego. Neste sentido, da Silva non esquece as dificultades que atravesa este sector “que viu incrementado os gastos derivados do aumento dos combustíbeis ou dos insumos e outras materias primas”.
Aplicar esta supresión do IVE non só favorecería ao sector pesqueiro galego senón que repercutiría de maneira positiva na alimentación do conxunto da cidadanía. “O peixe é un alimento básico nunha dieta sa. Mais, nos últimos anos, rexistrouse unha caída no seu consumo” sinala. Neste sentido, no Estado español, segundo informa o Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura, produciuse unha caída de 19%.
“Os efectos positivos están demostrados. Non debería haber problema en adoptar unha medida como a que se pide” incide Carme da Silva. Estudos como o do Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Universidade da Coruña, acreditan que reducir á metade o IVE dos produtos do mar e trasladar esta rebaixa ao consumidor final “podería chegar a crear uns 5.600 novos empregos e xeraría un valor engadido na economía galega de 28,5 millóns de euros cando o impacto na recadación fiscal sería inferior, duns 17 millóns”.
A senadora lembrou a suba do IVE -de 8 a 10%- aplicada polo Goberno do Partido Popular de M. Rajoy, en 2012. “O Partido Popular chegou tarde á reclamación do sector pesqueiro” asevera. A rebaixa do IVE no peixe e nos produtos do mar é, segundo explica, unha demanda histórica do sector pesqueiro galego e que o BNG levou moitas veces ao Parlamento Galego e ás Cortes, con acordos aprobados na Cámara galega a iniciativa do BNG.
Prorrogar as medidas de redución e incluír os produtos do mar
“A piques de rematar o ano e pendentes de se o Goberno vai prorrogar as medidas de redución dos tipos impositivos en alimentos aproveito para emprazar o executivo a rectificar a decisión de excluír o peixe nas medidas impositivas” defende a senadora do BNG. En opinión de Carme da Silva, o Goberno debe adoptar “as medidas precisas as medidas precisas para atender esta demanda histórica do sector que repercute positivamente en todo o ciclo económico e de consumo”.