A deputada do BNG, Montse Prado trasladou hoxe, a través dunha moción, a situación de colapso nos servizos de urxencias. Despois de denunciar a situación dun gran número de doentes nos corredores pendentes dunha consulta ou controis de enfermería habilitados tamén nos corredores de maneira permanente, demandou medidas urxentes para resolver o que cualificou de “problema estrutural”.
Para a deputada, este problema “non se soluciona con parches” e moito menos nun momento de saturación nos servizos de urxencias nos hospitais. Hai que actuar con antelación. As urxencias, recalcou non poden ser atendidas de maneira precaria porque tanto doentes como profesionais son os maiores afectados. Os profesionais, explicou, porque precisan garantías laborais e os doentes unha atención sanitaria de calidade. “Agardar horas para seren atendidos ou ingresados, non é un trato digno”, sinalou.
Tras a intervención do portavoz popular, Aurelio Núñez Centeno que negou a falta de medios e persoal sanitario, a deputada nacionalista replicou que a saturación nos servizos de urxencias hospitalarias son unha evidencia, “os doentes están sendo atendidos nos corredores” o que conleva someter aos profesionais a unha sobre carga de traballo e aos doentes a falta de intimidade e dignidade polo que volveu a reclamar medidas contra o “déficit de persoal” porque é irregular contratar a un ou unha profesional a última hora para dar solución a un problema estrutural. Os propios profesionais, engadiu, denuncian que en situacións de normalidade están “baixo mínimos” pero isto agravase cando hai unha maior demanda de atención sanitaria nos servizos de urxencias convertendo “esa insuficiencia en alarma”.
Por outra banda, preguntou porque o Partido popular non presenta no Parlamento galego o Plan de continxencias. Porqué non son de coñecemento dos profesionais, en que consisten e cando son activados.
“Reclamamos ter operativos todos os recursos dos que dispón o SERGAS e que non se manteña pechada ningunha cama máis” e demandamos, dixo, “un plan de ordenación de recursos humanos que estableza a ratio, as necesidades dos servizos, máis orzamentos para a Atención primaria” porque non vale de nada convencer a poboación para que se vacine contra a gripe si despois nos centros de saúde “non teñen médico que os atenda ou demoras de tres semanas” obrigando aos doentes a acudir aos servizos de urxencias.
Finalmente, a deputada do BNG tamén demandou facer públicas as listas de espera “reais” porque ante unha operación cirúrxica, afirmou, os tempos non se corresponden cos declarados polo SERGAS.
A moción do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular impedindo que prospera a reclamación de máis medios e persoal nos servizos de urxencias hospitalarias