Santiago de Compostela, 17 de marzo, 2023. O deputado do BNG, Paulo Ríos demandou, a través dunha proposición non de lei “reforzar o transporte no Morrazo”, co fin de dar resposta a todas as usuarias e usuarios que precisan o seu uso para desprazarse ao seu lugar de traballo, ensino, ou centros sanitarios na cidade de Vigo.
Asemade, reclamou unha “unha liña directa” dende a estación de autobuses de Cangas pasando polo Concello de Moaña até as instalacións sanitarias e educativas así como fomentar o uso do transporte público.
Na defensa da iniciativa, o nacionalista explicou que coa posta en marcha da Estación Intermodal de Vigo, foron modificados varios trazados nas diferentes liñas de transporte público por estrada que unen a Comarca do Morrazo coa cidade de Vigo, incrementando gravemente os tempos de viaxe e unha importante poboación das vilas da comarca do Morrazo desprázanse todos os días a Vigo por motivos laborais, “sendo o transporte público por estrada e o transporte de ría, servizos fundamentais para esta comarca”.
A veciñanza non só se despraza ao centro da cidade, senón que son moitas as persoas que veñen utilizando transporte público para acudir ao seu traballo nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, ao igual que moitas mozas e mozos teñen que desprazarse a diario aos centros de FP próximos ao hospital O Meixoeiro.
Na actualidade, puntualizou o deputado, foi modificado o trazado que daba un servizo directo a estas infraestruturas, obrigando ás persoas que viaxan nestes autobuses a facer un percorrido polo centro de Vigo co conseguinte aumento nos tempos de viaxe, circunstancia que xa provocou un “gran número de queixas” ante a imposibilidade de chegar a tempo aos seus lugares de destino.
A xuízo do deputado, lonxe de mellorar a calidade do transporte público por estrada e ser un servizo máis útil para as usuarias e usuarios, os cambios conlevan moitas molestias aos usuarios e usuarias que se ven obrigados a utilizar o seu vehículo privado.
Actualmente, a empresa adxudicataria do contrato está a implementar un autobús de reforzo na mesma frecuencia horaria, coincidindo cos tramos horarios de máis actividade, pero non resulta útil porque “non desdobra o itinerario e recunca no seu trazado polo centro de Vigo”.
O nacionalista sinalou que tras consultar á Xefatura territorial, organismo non tiña constancia do servizo de reforzo o que denota, afirmou “o caos caos organizativo e discrecionalidade” coa que funciona o servizo de transporte público do noso país.
O PP non se compromete co transporte público no Morrazo
Tras a intervención do portavoz popular, Ferro Iglesias que minorizou os problemas do transporte na comarca do Morrazo relacionados coa posta en marcha da Intermodal de Vigo, anunciou que a Xunta está estudando implementar novos axustes e medidas. O deputado do BNG, replicou que o estudo referido polo deputado do PP é un novo anunciou que non conleva “ningún compromiso” e todo apunta a que forma parte dunha estratexia ante a proximidade das eleccións municipais polo que insistiu na urxencia de resolver un problemas que afecta a un gran número de usuarios e usuarias.
Paulo Ríos sinalou que existe demanda suficiente para incrementar o transporte e mesmo as persoas usuarias valoraron a posibilidade de contratar un autobús privado para cubrir os traslados a Vigo. O deputado lamentou que, unha vez máis, o “Partido popular rexeitara a iniciativa do BNG” obrigando aos usuarios e usuarias a seguir utilizando o seu vehículo privado para desprazarse aos centros sanitarios e de ensino.