O BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta exerza o rol de arbitraxe nas negociacións do prezo do leite entre industria e produtores e encomende un estudo obxectivo dos custes de produción que poida servir de referencia nas negociacións e nas relacións entre ámbalas dúas partes, unha iniciativa que foi rexeitada polo PP durante o seu debate na comisión parlamentaria de Agricultura.
“Entón calculamos custes para que? Para que, se vostedes non van intermediar?”, cuestionou con rotundidade o portavoz nacionalista de Agricultura, Mini Rivas, logo de que o PP rexeitara a proposta, en alusión á App articulada pola Consellería do medio Rural coa colaboración da Fundación Juana de Vega para que cada produtor calcule os seus custes.
“Non se pode marcar un prezo mínimo, pero vostedes si poden pagarlle a Oviganic, de capital chino, 3 millóns de euros para que organice o sector ovino”, recriminou, para a continuación recalcar que, sen embargo, “vostedes negaron a posibilidade de facer un grupo lácteo galego, que era a mai do año, e que tiña capitalización, capital galego”.
Rivas referiuse ás “prácticas mafiosas” da industria, dado que se está “obrigando, extorsionando ás e aos produtores” con contratos que non especifican o custe de produción e nos que só se din que está cuberto por un prezo pactado. “E como consta nun papel pois xa é certo e vai a misa -reprobou- e se non asinas pois non che recollen o leite”.
O deputado nacionalista recordou que as e os produtores están cobrando por baixo dos 30 céntimos o litro de leite, cando nos anos 90 pagábaselles o equivalente a 36 céntimos/litro, e denunciou que mentres certa empresa de capital francés paga en Galiza 4 ou 5 céntimos menos que en Francia ou en Navarra, “a consellería mira para outro lado e fai de cómplice necesario”, porque, segundo recalcou, “non é a única, son todas as que operan en Galiza, non se salva ningunha”.
Neste sentido, lembrou que ata 2009, o Executivo galego contaba coas AXEs (Asociacións de Xestión Económica) que permitían á consellería do ramo, cun programa de recollida de datos común e único, publicar un estudo anual cunha estimación de custes de produción de referencia no país.
“Hoxe non temos datos ningúns”, recriminou ao Goberno do PP, ao que considerou unha “Administración desaparecida e que se nega a intervir”. “E que facemos? -preguntou- Porque os contratos mafiosos están por todas partes abafando a produción, esganándoa aos poucos e as e os gandeiros son nestes momentos máquinas de mover diñeiro do que pouco lles queda”.