O deputado do BNG, Luís Bará acusou á Xunta de incumprir a lei e seguir adiante cun “modelo eólico depredador que dana gravemente o territorio galego, o medio rural e medio ambiente”. O nacionalista cualificou o modelo eólico da Xunta de “ataque sen precedentes” en Galiza dun modelo, dixo, “de espolio e depredación” sobre o medio rural “invadido por centos de proxectos eólicos que ocupan o seu territorio e ameazan o seu modo de vida”.
O parlamentario do BNG insistiu en que o modelo eólico do PP, converte a Galiza “nun territorio de sacrificio para a produción masiva de enerxía eólica” baixo a premisa de “Galiza produce, Madrid consume”. Madrid, engadiu, preocupouse de ter “cero parques eólicos e ser territorio libre de eólicos”. Este marco, explicou foi creado na lei do sector eléctrico no ano 2013 gobernando o Partido popular e ampara “toda esta marabunta, avalancha e barra libre” tras a adaptación da lei por parte da Xunta de Galiza no ano 2017 e coa intención de favorecer a tramitación dos proxectos que remataba no ano 2020. O prazo, recalcou Bará, remataba no ano 2020 e agora a Xunta está tramitando ducias de proxectos do concurso eólico do 2010, eximindo mesmo dos compromisos adquiridos polas empresas nese ano. Esta circunstancia, advertiu o nacionalista, “vainos levar aos tribunais”.
O BNG rexeita os contedores marróns e aposta pola compostaxe, local, domiciliaria ou comunitaria
Na comisión de Medio Ambiente o deputado do BNG tamén preguntou ao goberno pola bonificación do quince por cento do canon de SOGAMA aos concellos do que dixo, constatamos “diversos vaivéns do goberno pola falta de criterios e directrices”.
Bará preguntou cal é realmente a posición do goberno sobre este asunto xa que o BNG recibiu unha resposta a unha pregunta parlamentaria referíndose a tres condicións para bonificar o 15% do recibo do canon de Sogama: “redución de residuos e incremento de reciclaxe, trasladar a rebaixa do recibo ás persoas que o abonan e por último, que os concellos asuman o compromiso de introducir a recollida separada dos bioresiduos, antes do 21 de decembro do ano 2023”.
Tras a intervención da Directora de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez Castellanos, o deputado criticou que a Xunta non puxera en marcha ningún sistema para a recollida deses bioresiduos cambiando esta terceira condición pola imposición dos chamados “colectores marróns ou quinto colector”. Bará cualificou a medida de “erro” e que responde a unha “opción pero nunca debe ser unha obrigación”. Esta obriga, reiterou, “é ilegal e pode ser recorrida e anulada”.
Na implantación dos colectores marróns a Xunta excluíu desta obriga aos concellos de menos de 2.000 habitantes pero ao resto se queren beneficiarse do desconto deben facer uso deles. A media é “un disparate” ante a dispersión de poboación cando en realidade existen outras alternativas como a compostaxe local, domiciliario ou comunitaria pero o goberno galego escolle a “peor opción”.
O nacionalista amosou un informe do director de Medio Ambiente no que afirma que mercar contenedores para os bioresiduos, encher a paisaxe de contedores e aumentar as rutas de recollida resulta “económica e ambientalmente insostible”. O quinto contenedor foi rexeitado nun gran número de concello pola dificultade da súa implantación e moitos expertos e expertos na materia xa cuestionaron este modelo.
Dende o BNG, dixo Bará, apostamos por incentivar aos concellos para incrementar a recollida separada dos bioresiduos e que se prime “o tratamento de proximidade, a compostaxe local, domiciliaria e comunitaria, sempre que sexa posible. O goberno “non pode obrigar aos cidadáns a utilizar o colector marrón”, deben ser os concellos os que decidan como se fai, porta a porta ou con colector marrón “pechado con tarxeta ou chave”.