O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu hoxe unha proposición non de lei para manter os estudos de Bacharelato no IES Universidade Laboral e melloras nas instalación dos centros de educación secundaria no Concello de Culleredo.
Trala votación da proposta, o nacionalista lamentou que unha vez máis, o “Partido pular non escoite á comunidade educativa” e as demandas das familias dun concello cun grande crecemento demográfico e que precisa de centros educativos, “non da súa eliminación”.
Por outra parte, o deputado tamén reclamou dotar á zona rural de Culleredo dun centro de Educación Secundaria Obrigatoria e equipar de instalacións os centros de Educación non universitaria.
Na súa intervención, na comisión de Educación, criticou a decisión da Xunta de desmantelar unha liña educativa que foi premiada co Premio Nacional ás Mellores Prácticas Docentes outorgado polo Ministerio de Educación. A xuízo do nacionalista, eliminar o bacharelato da Universidade Laboral de Culleredo supón “o desmantelamento da sección dun centro que conta cos recursos necesarios para impartir máis liñas de bacharelato e mesmo ampliar a súa oferta de especialidades”.
O alumnado actual, explicou o deputado do BNG, escolleu o centro libremente cun incremento de matrícula no primeiro curso do 300% respecto ao anterior. A eliminación do bacharelato supón o traslado ao edificio das Mariñas, que alberga as instalacións de Marítimo-Pesqueira para deixarlle o sitio ao que se pretende facer. “As instalacións de Marítimo-Pesqueira, teñen unhas equipacións moi especiais, nas que se formaron os patróns e motoristas de toda a Costa da Morte entre outras zonas de grande tradición pesqueira”.
Para o deputado resulta “inxustificable” que o Partido popular desmonte unhas instalacións que funcionan por un destino incerto. “Educación pretende mover o módulo de Marítimo Pesqueira desde unhas instalacións valiosísimas a unhas inadecuadas”, recalcou.
Finalmente, Rivas explicou que , Culleredo é un concello de 30.000 habitantes, limítrofe á cidade da Coruña que medrou demograficamente desde os anos 80 e que continua incrementado a poboación por natalidade e recepción de persoas inmigrantes , da cidade, de Galiza e do exterior. O “lóxico”, nun concello destas características é construír máis centros educativos e non eliminalos polo que volveu a reclamar á Xunta unha rectificación e desistir da decisión de eliminar o Bacharelato na Universidade Laboral do concello de Culleredo.
O grupo maioritario do Partido popular impediu que a proposta nacionalista prosperara.