A deputada, Olalla Rodil lamentou que o Partido popular votara en contra da toma en consideración a lei do BNG destinada a garantir “o dereito a unha vellez digna” dentro dun sistema público forte e non supeditado ao beneficio das empresas privadas. A nacionalista defendeu cambiar o actual modelo do Partido popular “privatizado e cebado con cartos públicos”.
Na súa intervención, afirmou que urxe cambiar o modelo de residencias porque cos “maiores non se pode facer nin negocio nin caridade, o que precisamos é servizo público”. Isto foi o que dixemos desde o BNG en 2020 cando nos comprometemos durante a pandemia a traballar sen descanso cara á un novo modelo de coidados que poña no centro “a vida e as persoas”, que garanta o “dereito a unha vellez digna” e que despregue “unha rede de servizos públicos forte e da máxima calidade”.
Dixémolo durante a maior crise sanitaria da historia recente e do impacto que tivo nas residencias de maiores deixando ao descuberto as costuras sobre as que se sostén “un modelo enormemente privatizado, moi pouco fiscalizado e sobre todo moi pouco regulado” criticou.
A nosa Proposición de lei, explicou Rodil, conta con catro Títulos e máis de 40 artigos, unha lei contrastada durante meses tamén coa sociedade galega para unha vellez digna nun país no que o 25% da poboación ten máis de 65 anos, unha esperanza de vida de 86 para as mulleres e de 80 para os homes. Hoxe tamén temos en Galiza unha listaxe de agarda de case 1.500 persoas que tendo dereito recoñecido a unha praza de residencia pública, por lei, “non poden acceder a ela porque non hai”, recalcou.
“Hoxe hai en Galiza 21.944 prazas de residencias ,3 por cada 100 maiores de 65 anos cando a recomendación da OMS son 5%”. A inmensa maioría , o 80% “en mans privadas xestionadas por fondos de investimento como DomusVi ou entidades relixiosas, Fundación San Rosendo, Las Hermanitas de los hermanos desamparados”.
Neste sentido, explicou que aproximadamente 100 millóns de euros ao ano , segundo os datos da propia Xunta, “74 M€ en concertos,18 ME en concesións e 5 M€ para pagar prazas na privada porque non hai na pública”.
Listaxes de agarda de até 5 anos en Vigo e de máis de 2 en practicamente todo o país porque a realidade é que tes que agardar a que morra alguén para acceder ao servizo, aseverou.
Un modelo de atención máis personalizado, de prevención da dependencia e rehabilitador.
Dende o BNG, dixo, propoñemos reforzar a vixilancia e inspección; endurecer as sancións e garantir a transparencia, creando un corpo específico para as residencias con medios humanos e técnicos, límite de prazas ,100 unidades de convivencia de 25 autónomas e 20 dependentes. Un 90% de habitacións individuais. Poder levar mobiliario da túa propia casa para facer máis acolledor e humano o espazo. Rateos de persoal que obriguen a diferenciar en catro categorías as persoas que traballan nos centros entre: atención directa, persoal técnico, persoal de servizos xerais e dirección.
Por outra parte tamén propoñemos unha planificación dunha rede pública de residencias co obxectivo de ir mudando o actual “modelo privatizador” que será revisada cada catro anos e que prevé a recuperación dos centros públicos privatizados a medida que venzan os contratos coa Administración impulsando unha auditoría do grao de cumprimento do contrato en vigor ao que sumou a creación dun Comité galego de ética semellante ao que xa existe en materia de saúde.
Nós non trouxemos esta lei porque creamos que existe unha débeda coas persoas maiores ou coas usuarias das residencias, recalcou a nacionalista, defendemos un novo modelo porque “é de xustiza que un país avanzado como é Galiza non teña un só buraco negro e no modelo de residencias hai demasiados”. Xa o advertiu o Consello de Contas, as familias de usuarias, as organizacións sindicais e hoxe, unha vez máis dende o BNG pedímoslle que “deixen de mirar para outro lado” e rectifiquen o actual modelo, concluíu.