POVISA recorta prestacións ás persoas atendidas en base ao concerto co SERGAS

Xavier P. Igrexas e Montse Prado
Xavier P. Igrexas e Montse Prado

Montse Prado pide a comparecencia de Almuíña no Parlamento

A deputada nacionalista mantivo un encontro co representantes do comité para analizar o contido dun comunicado interno do hospital que pedía reducir probas, consultas e intervencións a doentes procedentes do SERGAS

O BNG pide a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para que explique en sede parlamentaria que tipo de asistencia están a recibir as persoas doentes derivadas da sanidade pública para ser atendidas en POVISA, en base a un concerto que o SERGAS ten asinado con este hospital privado.

A petición prodúcese despois de que os e as traballadoras tivesen coñecemento dunha comunicación interna da empresa na que literalmente se daba como instrución “reducir todas as actuación (consultas, probas, intervencións...) en doentes SERGAS que non lles aporten ningún valor engadido” e, en segundo lugar, “aproveitar esa liberación de recursos para mellorar cada vez máis o tempo de resposta a doentes privados”, indica o centro na citada comunicación interna.

POVISA xustifica esta decisión expresada por escrito “en relación aos obxectivos marcados a principios de ano”.

Como explica a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, na batería de medidas presentadas na Cámara, “esta información fai saltar todas as alarmas, toda vez que eses obxectivos fixados pola dirección do centro privado  afectan, ou poden afectar, á cidadanía que ten asignada a súa asistencia sanitaria pública nese hospital”.

Prado, que hoxe mesmo mantivo un encontro con representantes do comité de empresa xunto co portavoz municipal de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, considera que o contido do comunicado interno é “preocupante”. Ou ben supón unha substitución dos criterios científicos que debe rexer as consultas, probas ou intervencións sanitarias “para liberar recursos”; ou ben até agora se facían consultas, probas ou intervencións “que non aportaban valor engadido ás persoas que se sometían a elas, co conseguinte incremento do risco de efectos secundarios que isto supón”, alegou.

“En calquera dos dous casos están en cuestión os criterios científicos usados e  pode comprometerese a saúde das persoas atendidas, ao que habería que engadir  o  uso de recursos públicos que tiñan que ir para financiar a atención sanitaria d@s doentes do SERGAS destinados a incrementar a actividade privada”, argumenta Prado na solicitude de comparecencia do titular de Sanidade.

A deputada nacionalista tamén fai referencia “á opacidade e o escurantismo” habitual en POVISA cando se trata da presentación da súa contabilidade. “Non ofrece información desagregada do gasto que destina a atender a doentes públicos e a privados, utiliza o mesmo persoal para prestar a asistencia sanitaria pública que a privada e descoñécese se as innovacións tecnolóxicas as imputa ao concerto ou corren por parte do hospital”, citou a modo de exemplos desa falta de transparencia.

O BNG entende que o que traslada o comunicado son cuestións moi graves e, por iso, considera necesario que por parte do SERGAS se aclare de inmediato os criterios utilizados por POVISA para determinar o tipo de prestacións e servizos que aplica ás persoas doentes da sanidade pública en base ao convenio xa citado.

De aí tamén a solicitude de comparecencia do conselleiro de Sanidade, ao que se suma a petición dunha investigación do contido deste comunicado e a trasladar ao Parlamento unha información transparente das contas deste hospital privado no relativo ao concerto asinado coa Xunta.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG