Pontón responde a Rueda cunha proposta “ambiciosa e realista” para defender Galiza ante o Goberno central

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide engadir demandas como declarar zona catastrófica polos lumes, a planificación dos MIR, 3 xulgados contra a violencia machista, descontos no Avant e a convocatoria da comisión mixta de transferencias

Remite a proposta asinada e destaca a total disposición do BNG a sumar sempre a favor dos intereses dos galegos e das galegas ante o Estado

A portavoz nacional, Ana Pontón, respondeu hoxe mesmo á comunicación remitida polo presidente da Xunta enviando a proposta do BNG para defender os intereses de Galiza ante o Goberno do Estado, de cara á entrevista que vai manter con presidente Pedro Sánchez, proposta a engadir as cuestións formuladas por Alfonso Rueda.

O primeiro que quixo trasladar a líder nacionalista é a total disposición do Bloque para sumar a favor do País. “O BNG sempre vai estar cando se trata de defender os intereses de Galiza”, recalcou, “e demostrámolo con feitos”, subliñou, citando a histórica rebaixa das peaxes da AP9. Desde ese talante, Pontón considera que a proposta remitida por Rueda é “improvisada e pouco ambiciosa”, e insta a “subir o listón” a favor dos galegos e das galegas.

Con ese obxectivo, -á relación de asuntos remitidos polo Goberno do PP-, o BNG engade unha batería de propostas “ambiciosas e realistas que poñen Galiza por diante de calquera estratexia partidista”, precisamente co ánimo de que sexan apoiadas por todas as forzas políticas, en ámbitos como sanidade, infraestruturas, política social ou transferencias.

A proposta remitida por Pontón inclúe solicitar ao Goberno do Estado a declaración de zona catastrófica para os concellos máis afectados pola vaga de lumes e, así, poder ter acceso a todas as axudas para paliar os danos económicos, ambientais e sociais dos incendios. De feito, a líder do Bloque considera “insólito” que o xefe do Executivo non inclúa esa petición nos asuntos a tratar con Pedro Sánchez.

Sanidade é o segundo asunto con medidas adicionais do BNG que, en concreto, propón pedir a competencia da planificación da formación do persoal médico, tantos os MIR, como os seus equivalentes en enfermería ou psicoloxía. “Planificar desde Galiza segundo as necesidades do noso sistema sanitario, en lugar de quedarse instalado na crítica do que fai o Goberno central”, alegou.

Como terceiro asunto, a crise de prezos e o peso que ten a enerxía na escalada inflacionista, polo que o BNG propón engadir a creación dunha comisión Xunta-Estado para analizar e aprobar medidas compensatorias por ser Galiza produtora neta de electricidade cos correspondentes costes ambientais e sociais. Igualmente, que se reúnan as mesas das Pontes e Meirama para unha transición enerxética, creadas pero inoperativas.

Un cuarto tema que Pontón engade esta centrado na política social e na loita contra o machismo. Neste sentido, pide a Rueda que incorpore nas súas demandas ao Goberno do Estado a creación de tres xulgados específicos de loita contra a violencia de xénero,- Lugo, Ourense e Santiago-, e reclamar a débeda en dependencia, acumulada desde o extinto Goberno de Rajoy.

En quinto lugar, as propostas a engadir no capítulo de infraestruturas centradas na A6: auditoría de todas as pontes e viadutos en aras da seguridade, calendario de apertura ao tráfico desta vía e comisión de seguimento coas dúas administracións e os colectivos afectados. Nesta área, o BNG demanda reclamar que se apliquen aos trens Avant os mesmos descontos anunciados polo Executivo central para o tren de proximidade, “evitando discriminar ao noso País”.

Completa a relación de proposta a sumar en defensa de Galiza a convocatoria da Comisión mixta de transferencias, para avanzar en materia de autogoberno abordando todas as competencias pendentes no Estatuto tras trece anos de páxina en branco, “hai moito que traballar nesa dirección para recuperar o tempo perdido”, indicou.

Son as propostas remitidas por Ana Pontón para engadir as formuladas por Rueda ante o encontro con presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, recollidas nun documento que a portavoz nacional enviou xa coa correspondente sinatura. “Toda a disposición do BNG para defender Galiza”, recalcou como conclusión.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG