Pontón replica a Rueda que se quere que o pacto polo galego sexa crible empece por derrogar o decreto da vergoña

Manifestación de Queremos Galego
Manifestación de Queremos Galego

“Hoxe celebramos que temos un idioma propio que nos identifica no mundo e reivindicamos que queremos mil primaveras máis para o galego”, afirmou

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a delegación do BNG que acudiu á manifestación do 17 de maio convocada pola plataforma ‘Queremos Galego’, baixo o lema Galego vivo, Galicia viva, para amosar “o noso orgullo por ter unha lingua propia, que nos fai estar no mundo con voz propia” o que, asegurou, é un dos mellores sinais de que “este é un pobo con puxanza e con futuro”.

No Día das Letras Galegas, Pontón reivindicou “mil primaveras máis” para o galego e aproveitou para reclamarlle ao Executivo de Alfonso Rueda “un cambio de rumbo en relación co noso idioma”. “Cando o Partido Popular propón un gran pacto pola lingua, nós o que dicimos é que o primeiro que ten que facer o PP é dar marcha atrás en todas esas políticas que se fixeron en contra do galego e derrogar o decreto da vergoña”, manifestou.

Manifestación de Queremos Galego
Manifestación de Queremos Galego

A líder do BNG acusou ao PP de levar 15 anos traballando “en contra da lingua galega”, incumprindo a lexislación en defensa do idioma do País, tanto o propio Estatuto de Autonomía, como a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade no Parlamento hai agora 20 anos. “Incumprimentos que, subliñou, sitúan ao Partido Popular na ilegalidade lingüística e sempre en contra do galego”.

A portavoz nacional acusou ao Goberno de Rueda de querer converter o galego nunha lingua de segunda, “como fixo con ese decreto da vergoña”, ou “recortando o investimento nun 55% en todo o que ten que ver co apoio á normalización da lingua galega”.

A política do PP “á contra” ten “un efecto devastador”, denunciou Pontón, quen subliñou que o galego é a única lingua do Estado que perde falantes. Tal e como reflicten os datos da Real Academia Galega e o Instituto Galego de Estatística que, segundo explicou, dan conta dunha escola que actúa como axente desgaleguizador “porque os rapaces e rapazas entran no ensino falando galego e saen falando castelán e, ademais, en Infantil, pérdese un 10% de galegofalantes”, advertiu.

“Ao final, un de cada tres mozos e mozas acaba o ensino obrigatorio sen saber falar galego”, lamentou a líder nacionalista, quen tamén advertiu que, por primeira vez en democracia, en Galiza “está prohibido impartir as materias de Física e Química, Matemáticas ou Tecnoloxía en galego”. 

Unha prohibición plasmada no “decreto da vergoña” que “o PP disfraza de plurilingüísimo cun resultado penoso, porque as novas xeracións non saben máis galego, nin saben máis inglés”, recriminou. Co decreto, “o único que está conseguindo o Partido Popular é privar os mozos e mozas da liberdade e da oportunidade de poder utilizar a nosa lingua”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG