A portavoz nacional, Ana Pontón, pídelle ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que rectifique a súa posición e non lle faga a perder a Galiza 4.000 millóns de euros renunciando á quita da débeda negociada polo BNG no acordo de investidura por servilismo ao PP de Madrid.
“Pídolle ao señor Rueda que, por unha vez, deixe de poñer ao Partido Popular por diante dos galegos e das galegas, porque ninguén neste País vai entender semellante traizón”, afondou Pontón, quen recordou que o acordo de investidura asinado polo BNG co PSOE permítelle a Galiza obter unha condonación do 33% da súa débeda, 4.000 millóns de euros para mellorar a sanidade, a educación, a atención á dependencia ou a vivenda.
Neste contexto, a líder nacionalista formulou en declaracións aos medios no Parlamento galego unha pregunta clara e directa a Rueda: “”Vai aceptar a quita da débeda negociada polo BNG que lle permite a Galiza aforrar 4.000 millóns de euros ou vai obedecer as ordes do señor Feijóo dende Madrid en contra dos intereses dos galegos e das galegas?”, cuestionou.
A portavoz nacional preguntouse se “a submisión e o servilismo” do titular do Goberno galego ao PP de Madrid “pode chegar ao extremo de que queira facerlle perder a Galiza 4.000 millóns de euros” que poderían destinarse a mellorar os servizos públicos do País e a axudar ás pemes, ás cooperativas e ás persoas autónomas, exemplificou.
“De verdade que o servilismo e a submisión do señor Rueda poden levar a que Galiza perda 4.000 millóns para mellorar a sanidade, a educación ou a atención á dependencia?”, inquiriu, para advertir a continuación que ninguén entendería “semellante disparate e semellante traizón a Galiza e aos galegos e galegas”.
Pontón indicou que ningunha persoa que estea pagando unha hipoteca renunciaría a que lle reduciran un 33% da súa débeda, exactamente o que si “pretende facer o señor Rueda”, renunciando a que os galegos e galegas vexan reducida a súa débeda nun 33%, “única e exclusivamente por ser servil a Madrid”, advertiu.
Neste sentido, acusou ao titular do Executivo de enganar á cidadanía cando se escuda en que a quita da débeda non suporía solucionar nada e recordou que, tendo en conta que a débeda é a terceira partida de gasto da Xunta, a condonación negociada polo BNG no acordo de investidura significará para este 2025, dispoñer de 580 millóns de euros máis que posibilitarían, por exemplo, “acabar coas listas de espera na sanidade, poñer vivenda pública a disposición dos mozos e mozas ou reducir as listas de agarda na dependencia”. Estamos falando de moitos miles de millóns de euros que son importantes para mellorar a vida da xente”, sintetizou.
Ante unha posición que cualificou de “indefendible”, a líder nacionalista concluíu que Rueda demostra unha vez máis que “cando ten que escoller entre o Partido Popular e Galiza, sempre escolle o Partido Popular” e lamentou que o presidente da Xunta sexa “o campión do servilismo ao PP de Madrid” e non lle importe “traizoar os intereses dos galegos e das galegas”.
Por iso, fronte ás súas “escusas de mal pagador” para “xustificar o inxustificable” con “argumentos que caen polo seu propio peso”, Pontón recordou que ao mesmo PP que agora di que coa quita da débeda se daría un problema de solidariedade e igualdade, non lle importou absolutamente nada no seu momento “socializar a débeda banca”, que superaba os 80.000 millóns de euros.
“O señor Rueda o que debe facer é rectificar, non facerlle perder aos galegos e galegas 4.000 millóns de euros, traballar para que esta quita da débeda se materialice canto antes e da mellor maneira posible para Galiza e que teñamos máis recursos para atender as necesidades do noso país”, concluíu.