Ana Pontón: “A mobilización social conseguiu que Feixóo recuara e se reabra a sala de partos de Verín”

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica as cartas enviadas aos ministros e ministras que deixan en evidencia a un Feixóo “descolocado” despois do acordo do BNG co PSOE

Afirma que Galiza precisa un goberno galego alternativo para iniciar un tempo novo da man do BNG cunha unha Presidenta ao servizo dos galegos e das galegas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que a mobilización social logrou que se reabra a sala de partos de Verín. Tras felicitar a veciñanza, en particular ás mulleres, que coa súa loita cargada de razón e emoción lograron unha rectificación de Feixóo para reabrir a sala de partos do hospital de Verín recalcou que a resposta social provocou a “rectificación de Feixóo e que tiveran que recuar ante a impresentable decisión de recortar dereitos ás mulleres e aos nenos e nenas do rural”.

Para a portavoz do BNG, quedou ao descuberto a sarta de “mentiras utilizadas polo PP e Feixóo co fin de xustificar o inxustificable”. Primeiro, explicou, dixeron que era mellor primar a calidade sobre a comodidade, como se ter servizos sanitarios cerca fose un capricho das mulleres, dos pais e das nais, primeira mentira. Despois alegaron que coa redución de partos os profesionais perdían pericia, outra mentira. Tamén buscaron como escusa o descenso do número de partos, argumentando que non se cumprían as ratios establecidas pola OMS. Pero é que a ratio de número de partos anual no se cumpre en ningún hospital comarcal, outra mentira máis.

Finalmente afirmaron que non había pediatras e resultou unha nova mentira porque do día para a maña non apareceu un, apareceron dous.

Pontón engadiu que este proceder deixou en evidencia as mentiras de Feixóo e do goberno pero tamén que “os recortes na sanidade pública son decisións políticas”, e foi, unha vez máis, a cidadanía a que freou unha decisión inxustificable.

FEIXÓO DEIXA DE ACTUAR COMO PRESIDENTE PARA CONVERTERSE EN ESCRIBÁN

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Pontón tamén se referiu ás cartas enviadas por Núñez Feixóo ao Ministros e Ministras como “intento desesperado por facerse notar”. Fraga, lembrou a nacionalista, polo menos facía o paripé de ir a Madrid e conseguía xuntanzas cos ministros, “Feixóo está tan depreciado que nin tan sequera é capaz diso, e en vez de actuar como Presidente da Xunta fai de escribán”. Na súa opinión, este proceder responde ao intento desesperado de Feixóo por figurar e evidencia o “descolocado” que quedou despois do acordo do BNG co PSOE” porque o acordo ademais de conseguir importantísimos avances para Galiza, deixou “espido” a Feixóo e constatou a súa incapacidade para defender os intereses de Galiza ante Madrid.

Feixóo primeiro criticou o acordo que conseguiu o BNG no debate de investidura, e agora, está intentando apropiarse del dun xeito descarado, o cal é o colmo do “cinismo e do oportunismo político” despois de permanecer calado durante anos con todos os incumprimentos e discriminacións do goberno de Rajoy con Galiza.

O goberno do PP en Madrid vetaba a transferencia da AP-9 e Feixóo calaba como un peto. O goberno do PP en Madrid subía as peaxes da AP-9 e Feixóo calaba como un peto. O goberno do PP en Madrid deixou a deber 200 millóns de dependencia e Feixóo calado como un peto. O goberno do PP en Madrid incumpriu a chegada das obras do AVE e Feixóo calaba como un peto. O goberno do PP en Madrid instaurou un marco enerxético que pon as electrointensivas contra as cordas e Feixóo calaba como un peto. Este é o grande balance da súa xestión e agora, como non gobernan os seus en Madrid, de repente entroulle un ansia reivindicativa que non é mais que puro oportunismo político e un intento desesperado e descarado de apropiarse dos acordos que o BNG conseguiu no debate de investidura, “cun só escano”.

FEIXÓO MOSTROU DURANTE DEZ ANOS A SÚA INCAPACIDADE PARA DEFENDER GALIZA

O legado de Feixóo é do PP destes 10 anos é a subida das peaxes o veto á transferencia da AP9, os retrasos no Ave, a débeda de 200 millóns en dependencia ou unha crise industrial fronte ao legado do BNG que é usar os votos dos galegas e das galegas, para defender os intereses de Galiza conseguindo un acordo de investidura que significa a transferencia da AP-9, as rebaixas nas peaxes, máis fondos para a dependencia, saneamento das rías e solucións para a crise industrial.

Está claro que Feixóo foi incapaz de defender a Galiza durante estes 10 anos e que este 2020 temos que acabar con tanta submisión a Madrid. Nas vindeiras eleccións, Galiza ten a oportunidade de abrir un tempo novo para deixar atrás presidencias da Xunta ao servizo de forzas estatais e dende o BNG imos ir a por todas para liderar ese cambio e coa man tendida a todos os galegos e galegas que queiran sumar a ese proxecto inclusivo. Ese tempo novo vai ir da man do BNG, porque somos a garantía de ter unha Presidenta aos servizo dos galegos e das galegas e construír un país con futuro e prosperidade, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG