A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na Rúa na presentación da candidata á Alcaldía, María Albert, da que dixo será a próxima alcaldesa tras as eleccións de maio de 2023 porque é a persoa capaz de reconducir o concello á senda do progreso e do avance, desde a eficacia na xestión, a transparencia e desde o diálogo coa veciñanza.
“Estou convencida de que será a próxima alcaldesa da Rúa porque xa demostrou a súa capacidade de xestión, para solucionar problemas e a súa capacidade para mellorar a vida da xente. María xa foi a mellor alcaldesa que tivo este concello: eficaz, solvente, con ideas, dialogante e sempre, sempre a disposición dos veciños e das veciñas”, proclamou a líder do BNG.
“A xente da Rúa quere que o seu concello funcione, que sexa útil, que resolva problemas en lugar de crealos, que preste servizos con eficacia, quere un concello de portas abertas. E todo iso é o que representa María Albert, que volverá ser unha alcaldesa ao servizo da veciñanza, que escoita, que axuda, que resolve”, afondou Pontón.
Para a portavoz nacionalista, a candidata do Bloque será capaz de deixar atrás catro anos perdidos de confrontación e ineficacia, catro anos de retroceso e abrir “un tempo novo de futuro, de ilusión e de esperanza, a favor da veciñanza”, alegou.
Na súa intervención, destacou que A Rúa é un concello con moito potencial “que quere avanzar, recuperar servizos públicos e calidade de vida, recuperar dinamismo económico e social. “E para iso é imprescindible unha alcaldesa con propostas e ideas claras, que ten proxecto político para poñer o concello a funcionar de novo, unha María Albert que coñece A Rúa como a palma da man e que quere a este concello”, subliñou.
Con María Albert de alcaldesa, argumentou a portavoz nacional do Bloque, A Rúa volverá ter un Goberno local “coas portas abertas á xente, transparente, a disposición dos veciños e das veciñas, porque hai que reabrir o concello á cidadanía e estou segura que ese será o primeiro paso da futura alcaldesa”. Pontón comprometeu que o goberno local liderado polo BNG significará ter unha rexedora que defenda servizos públicos de calidade, empezando pola sanidade; unha líder que impulsará os proxectos básicos para o municipio. Por exemplo, no ámbito da recuperación urbanística, do abastecemento da auga, do funcionamento das instalacións municipais ou as comunicacións e a mobilidade, tanto por tren como por estrada.
Igualmente, coa volta de Albert á Alcaldía, A Rúa terá unha alcaldesa que defende a economía local, o comercio de proximidade e que fomentará o asociacionismo, a cultura e o deporte; unha alcaldesa que defenderá os intereses dos veciños e das veciñas como xa está facendo agora desde o Parlamento, loitando contra o abandono da Xunta. “En definitiva, María Albert é a alcaldesa que A Rúa necesita para abrir un tempo novo, para volver ter un concello que funcione, que resolva os problemas da veciñanza e que estea ao servizo da xente”, concluíu.
Emotiva intervención
Pola súa parte, a candidata a Alcaldía, na súa emotiva intervención, fixo referencia ao custe social da pandemia e ao contexto de crise de prezos que está deixando na “precariedade absoluta” a moita veciñanza. “Para min, no persoal, as próximas eleccións van ser moi diferentes das últimas”, indicou, tras salientar que a COVID “deixounos sen moitas persoas queridas”.
Albert lamentou o “ambiente case irrespirábel de enfrontamento, medo e persecución de toda aquela persoa que se atreva a alzar a voz”, e denunciou que mentres se eliminan traballadores públicos no concello en servizos básicos como a brigada de obras, biblioteca, ou limpeza, o PP contrata de xeito discrecional poñendo o beneficio privado por riba do público.
Tamén criticou a falta de transparencia e de diálogo coa veciñanza por parte dun Executivo local ineficaz na xestión e que mesmo vulnera a legalidade: “festas de verán que se fan sen contrato, adxudicacións a dedo ou o desastre das piscinas municipais este verán”, citou a modo de exemplo.
Pero entre o peor destes catro anos, Albert citou o empeño do Goberno do PP en “dar as costas á cidadanía”, á que felicitou pola súa perseveracia na defensa dos servizos públicos, en particular en sanidade, reclamando un centro de saúde. Pero a esperada infraestrutura segue pendente mentres no ambulatorio falta persoal, ao que se suma un deterioro continúo das comunicacións, mesmo co peche da estación de tren, e un peche continúo de negocios.
A mellor alternativa
Pero hai alternativa a esta “desfeita”, asegurou Albert, “unha alternativa ao PP que pasa por un goberno do BNG capaz de abrir un tempo novo para sacar A Rúa deste letargo e conseguir que avance, e eu teño a honra de encabezar a candidatura que representa esa alternativa de futuro e de ilusión que este concello necesita e merece”, destacou, avanzando que o Bloque presentará a mellor candidatura, “solvente, representativa dos distintos barrios, interxeracional e co obxectivo de acadar unha nova Rúa”.
“Sabemos que hoxe todo cambiou na nosa socidade, pero temos a certeza de que, desde a humildade, con ilusión, con capacidade, con proxecto e con xenerosidade seremos capaces de virar o barco á deriva no que se ten convertido este concello, para colocalo de novo na boa dirección, na dirección do dinamismo económico e social, man a man coa veciñanza”, concluíu a candidata do BNG á Alcaldía da Rúa.