A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación de Dani Carballada como candidato á Alcaldía de Cambre, de quen destacou “que será o alcalde que necesita este concello para abrir un tempo novo de futuro, con ilusión, con dinamismo económico, social e cultural”. A líder nacionalista amosouse confiada de que o BNG terá un resultado histórico en Cambre e sumará este concello ao “modelo municipal de éxito” do Bloque tras o vindeiro 28 de maio.
“O BNG ten un proxecto con ideas claras, con alternativas e con propostas para que Cambre avance, progrese, mellore”, valorou a portavoz nacional, que puxo o foco no modelo de xestión, “capaz de converter Cambre nun concello eficaz na xestión, inclusivo e plural, un consistorio profundamente social e transparente”, salientou. Porque, remarcou, “é hora de abrir un tempo novo en Cambre, é hora de mirar ao futuro con ilusión, con esperanza, é hora de confiar nas posibilidades deste concello”.
Pontón subliñou “a tenacidade e o amor por Cambre” de Dani Carballada, “firme na defensa dos intereses dun concello que coñece como poucos e da súa veciñanza”, valorou, ademais de contar cun equipo na súa candidatura de persoas solventes e comprometidas.
A portavoz nacional aproveitou a súa intervención para dirixirse “á maioría de veciños e veciñas que queren outro Cambre posible”, sustentable, cun urbanismo e unha mobilidade pensada para as persoas, con infraestruturas sociais, culturais e de servizos públicos que aporten benestar e calidade de vida á veciñanza. “Ese Cambre é posible co proxecto do BNG da man de Dani Carballada”,
Vivenda asequible
Pontón salientou o contexto de crise de prezos no que se desenvolve a campaña e criticou a un Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”, de feito, fixo referencia ao último anuncio de Rueda, “dicindo, sen poñerse colorado, que durante catorce anos de goberno deixaron de lado a construción de vivenda protexida porque non sabía que o acceso á vivenda era un problema para a cidadanía”, denunciou.
Por contra, o BNG “ é perfecto coñecedor das dificultades da xente para acceder unha vivenda”, e quixo lembrarse, en especial, “da xente moza que ten traballos precarios e salarios baixos e non pode pagar un aluguer e as familias que ven como os alugueres subiron un 30% de media nas grandes cidades nos últimos anos”, declarou.
Fronte “un PP cruzado de brazos” está unha realidade de 175.000 galegos e galegas “que teñen unha hipoteca e que soportan subidas de 300/400 euros ao mes”, criticou a líder do Bloque, que puxo en valor a un BNG con propostas como o plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos, ademais de anunciar que o Bloque “seguirá presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta a esta crise. Alternativas en clave de país e a favor da maioría social”, argumentou.
Sanidade pública digna
Tamén fixo referencia a unha sanidade pública que está contra as cordas tras catorce anos de recortes, e fronte a un PP convertido nun “terminator” da sanidade o BNG propón un novo modelo de atención primaria con máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.
Pontón concluíu a súa intervención subliñando que o BNG será a forza política que máis suba o 28M, “multiplicando a nosa representación ao longo e ancho do País, con más alcaldías, con máis concelleiros e concelleiros, avanzando no reto de darlle a Galiza un goberno e unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu.