Pontón denuncia que Rueda practica pola vía dos feitos un negacionismo climático que é favorable a Altri e letal para Galiza

Advirte que estamos ante unha “bomba ambiental” que suporía un golpe definitivo á produtividade da ría de Arousa e un ataque mortal ao rural  

Insta a encher as rúas dunha marea de dignidade o próximo sábado na Pobra do Caramiñal fronte á traizón dun PP que hipoteca o futuro do País

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de traizoar a Galiza ao pretender impoñer a “bomba ambiental” de Altri en Galiza e practicar, pola vía dos feitos, un negacionismo do cambio climático que favorece os intereses da multinacional portuguesa e resulta letal para o País.

“Estamos ante un goberno do Partido Popular que, pola vía dos feitos, é negacionista do cambio climático, que abraza as teses trumpistas de que a preservación do medio ambiente, da biodiversidade e o coidado do planeta é woke”, criticou desde A Pobra do Caramiñal para denunciar a continuación que este “negacionismo ambiental de Rueda é beneficioso para Altri, pero será un auténtico despropósito e letal” para o rural e o mar galegos.

Así o indicou no acto de apoio do BNG á mobilización convocada para este próximo sábado na Pobra contra a instalación da macrocelulosa en Galiza, acto no que tamén interveu a tenente de alcalde da localidade, Amparo Cerecedo, e ao que tamén asistiron distintos representantes municipais e comarcais e as deputadas Rosana Pérez e Montserrat Prado.

Pontón fixo un chamamento a unha mobilización histórica o sábado na Pobra, convencida de que a manifestación “vai ser unha marea de dignidade” coa unión de “todas as persoas que lle queremos a Galiza” e un “elemento clave para poder parar a bomba ambiental que o Partido Popular quere colocar no corazón de Galiza”, poñendo en risco miles de postos de traballo, o medio ambiente, o tecido do rural e do mar e nomeadamente a produtividade do gran motor económico da comarca, a ría de Arousa.  

“Quero trasladarlle tanto á xente do rural como a do mar e ao conxunto da cidadanía galega que esta batalla ímola gañar e ímola gañar fronte a un PP disposto a traizoar a Galiza única e exclusivamente para que Altri coloque no corazón deste País unha macrocelulosa que non quere Portugal”, afirmou, para recalcar que “fronte á traizón do PP, mobilización, mobilización, mobilización”, a “dignidade dun pobo” do que se mostrou convencida vai participar masivamente nunha manifestación para “defender o futuro dos nosos fillos e das nosas fillas”.

A líder nacionalista advertiu que “as decisións de hoxe van hipotecar o futuro” de Galiza e recordou neste sentido que a macrocelulosa portuguesa suporía un golpe definitivo para o rural e para a produtividade da ría de Arousa, dado que se vería afectada polos 30.000 metros cúbicos contaminados que se verterían ao río Ulla, que desemboca na ría, no marco dunha solicitude de concesión de augas a 75 anos para captar 46.000 metros cúbicos de auga ao día, a mesma que consumen diariamente 354.000 habitantes, “máis que toda a provincia de Lugo”, alertou.

“Vai ter unha afección clarísima na calidade das augas dunha ría que xa está vivindo neste momento unha crise produtiva sen precedentes e agora temos a ameaza de Altri e tamén a ameaza da mina de Touro”, subliñou para considerar un “auténtico disparate” que o Goberno do PP “queira poñer en risco todo o futuro da ría de Arousa, única e exclusivamente para escribir ao ditado que lle marca unha empresa portuguesa” da que, recalcou, “é socia a exconselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, compañeira de partido do señor Rueda”.

“Teño o convencemento de que, coa excepción de Rueda e do seu goberno, non hai nin unha soa persoa en Galiza que non considere que a macrocelulosa de Altri vai ter un impacto letal sobre a productividade da ría de Arousa e sobre a biodiversidade”, sintetizou. “Se a macrocelulosa é tan boa, por que non a queren en Portugal? Esa é a pregunta que, a día de hoxe, aínda non respondeu o señor Rueda”, reflexionou. 

Ademais de todas estas afectacións e a incidencia negativa tamén sobre o embalse de Portodemouros, Pontón advertiu sobre o impacto que esta elevadísima captación de caudais durante 75 anos suporá no país, tendo en conta os efectos do cambio climático “ao longo de nada menos que case un século” en relación ás reservas de auga, evidenciando así o negacionismo climático do Goberno do PP.

A portavoz do Bloque criticou o papel de “comercial de Altri” dun Executivo do PP que, exercendo de “xuíz e parte” e antes de que houbera nin un só informe enriba da mesa, xa dixera que estabamos ante un proxecto redondo e incuestionable cando, na realidade, é un proxecto que, enumerou, “hipoteca o futuro dos galegos e das galegas”, ataca o medio ambiente e a sustentabilidade, ameaza a produción de alimentos e pon en risco o ecosistema da ría de Arousa e “o noso modo de vida”.

Resultado dese papel activo na defensa dos intereses da multinacional portuguesa por riba dos intereses dos galegos e das galegas é a declaración de impacto ambiental favorable da Xunta, en base a un informe que Pontón cualificou de “moi cuestionable” dado que “está cheo de vaguidades” -con expresións como “non parece”, “é previsible”, “garante a priori”, “condicionado sempre que”- e que, polo tanto, “hai que coller con pinzas”.

“Temos un documento de 73 páxinas no que se menciona 142 veces a palabra ‘promotor’ como argumento de autoridade e, polo tanto, o que fai a Xunta é dar por válidos todos informes que presentou Altri”, denunciou para acusar a continuación ao Goberno de Rueda de adecuar previamente todo o marco lexislativo aos intereses da empresa. “Se isto non é prevaricación, eu creo que o roza e que se parece bastante”, advertiu, para recalcar a continuación que o resultado desa declaración ambiental “non sorprende” dada a posición do Executivo do PP do lado de multinacional lusa e non do da cidadanía galega.

A líder nacionalista criticou ademais que os populares non teñan máis proxecto de industrialización para Galiza que o “franquismo industrial”, o mesmo que en 1963 impuxo Ence “a golpe de baioneta” na ría de Pontevedra. “Ese franquismo industrial do Partido Popular é o que agora nos ofrece Rueda, resucitar celulosas no noso país, demostrando que non ten ningún proxecto de futuro”, resumiu.

Por iso, e fronte a esta traizón do Goberno do PP aos galegos e as galegas, Pontón apelou á “dignidade e á mobilización de toda a xente que lle queremos a Galiza”. “Somos a maioría e imos parar Altri”, concluíu.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG