O portavoz do BNG en Medio Ambiente, Luís Bará, urxiu ao Goberno do PP a impulsar dunha vez o proxecto de dragaxe do río Lérez, pendente de facerse realidade dende que en 2011 Portos de Galiza iniciase a tramitación dunha proposta para retirar en torno a 330.000 toneladas de lamas e outros sedimentos. Trátase, dixo, dun “proxecto vital” para Pontevedra e a súa economía, paralizado pola “pasividade, a desidia e a inoperancia” do PP.
O PP votou en contra da iniciativa nacionalista, que reclamaba ademais a dotación das partidas necesarias nos Orzamentos da Xunta para que as obras poidan comezar por fin no ano 2026, logo de que o proxecto “leve dando tumbos polos despachos da Xunta durante quince anos”. Os populares rexeitaron así mesmo, tal e como se pedía na iniciativa, o tratamento en terra dos depósitos da dragaxe, que a Xunta quere agora levar á boca da ría de Arousa, a catro millas da illa de Sálvora.
“Incluso o portavoz do PP en Pontevedra recoñeceu ‘certa desidia da Xunta’” para levar adiante a dragaxe do Lérez, apuntou o deputado de Pontevedra, que destacou como o Goberno do Partido Popular deixou caducar estudos realizados e despois, en 2017, publicou un anteproxecto rexeitado polas confrarías de Pontevedra porque contemplaba depositar máis de 221.000 toneladas de sedimentos ao oeste da illa de Tambo e nos bancos marisqueiros entre Campelo e Combarro.
O deputado nacionalista considerou que os continuos retrasos e adiamentos no proxecto constitúen “unha burla, unha tomadura de pelo e un insulto á xente de Pontevedra”, ao que se suma agora “a agresión sen precedentes” á ría de Arousa. De aí que a aposta do BNG sexa o tratamento en terra dos lodos, como se fixo, por exemplo, cos da ría do Burgo.
Que lles fixo a ría de Arousa para que a maltraten desta forma?”, preguntou Bará dirixíndose ás bancadas do PP e logo de acusar á Xunta de ser responsable de que a ría máis produtiva de Galiza se atope xa “ao borde do colapso”. “Polos vertidos á ría, pola falta dun protocolo para o baleirado e a limpeza dos encoros, pola mina de Touro e, agora, pola ameaza da macrocelulosa de Altri”, detallou.
Unha “agresión sen precedentes” que, proseguiu Bará, vai ter este sábado resposta cunha mobilización masiva na Pobra do Caramiñal de “xente que afortunadamente está politizada”, ironizou, e que nunha “mostra de saúde democrática” vai saír á rúa para defender “os seus intereses, o seu modo de vida, o seu posto de traballo e un País sostible dende o punto de vista do medio ambiente”.
Logo de anos de demora, a iniciativa que defendeu Bará reclamaba en concreto impulsar o proxecto de dragaxe do río Lérez tomando como referencia o acordo aprobado por unanimidade no ano 2019 polo que se instaba á Xunta a facer unha proposta alternativa e sustentable para o depósito de materiais procedentes do dragado, de tal forma que se garanta que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, en especial á de Arousa.
A proposta do BNG reclamaba así mesmo realizar no prazo de tres meses un estudo e unha proposta para a retirada e tratamento en terra dos lodos procedentes da dragaxe da canle do río Lérez que, pola súa potencial carga contaminante ou prexudicial non sexan susceptibles de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría.
O terceiro punto a iniciativa rexeitada polo PP era “impulsar todas as medidas e aprobar as dotacións orzamentarias para que a dragaxe do Lérez se faga realidade no ano 2026”.