Parlamento Galego

Apoio unánime á proposta do BNG de impulsar un programa específico para o abandono do exercicio da prostitución

Noa Presas
Noa Presas

A proposta defendida por Noa Presas inclúe o establecemento de axudas periódicas propias para mulleres que estean ou non en situación de trata

O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG para que a Xunta, en colaboración coas entidades sociais, impulse un programa específico para o abandono do exercicio da prostitución, que contemple un itinerario transversal e que garanta unha axuda periódica para tal fin á que se poidan acoller mulleres en situación ou non de trata.

A iniciativa, que defendeu a portavoz de Feminismo e Igualdade do BNG, Noa Presas, pide ademais acelerar a aprobación do próximo plan galego plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, garantindo a participación social e mellorando a dotación orzamentaria do actual (2022-2024). Respecto deste último, que a deputada recoñeceu como un avance importante no seu momento, reclámase á Xunta  a información respecto da execución orzamentaria e os datos cuantitativos que teña neste momento de vítimas e de vítimas usuarias das medidas propostas.

“Para dar un paso adiante na loita contra a explotación sexual en sentido amplo hai que dar vías de saída ás mulleres”, asegurou Noa Presas, quen advertiu que, nos temas de igualdade e dos dereitos das mulleres, é preciso habilitar novas ferramentas pois “se nos quedamos quietas haberá un retroceso”.

Presas cualificou de “estarrecedores” os datos sobre a prostitución tanto a nivel global como en Galiza. A ONU, subliñou, estima en 2,5 millóns o número de persoas vítimas de trata, a metade delas menores, e o 79 % sometidas a explotación sexual.

Aludiu así mesmo ao macroestudio feito público a finais de 2024 polo Ministerio de Igualdade, un estudo que aborda máis de 650.000 datos de webs de prostitución centrándose só nas ofertas presenciais, polo que só é “a punta do iceberg dun sistema patriarcal e prostitucional abrumador”.  Segundo ese estudo, no Estado hai máis de 114.000 mulleres identificadas en situación de prostitución só a través de anuncios web, e entre 9.764 e 17.639 mulleres en risco de explotación sexual.

A estimación por territorios sinala que en Galiza, collendo o dato máis restritivo, hai algo máis de 4.0000 mulleres en situación de prostitución. Ademais, agregou, segundo datos facilitados pola Delegación do Goberno do Estado habería arredor de 430 mulleres identificadas en situación de risco como vítimas de trata sexual.

Noa Presas insistiu na necesidade de avaliar e ampliar o plan actual contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e, neste sentido, criticou as respostas de copy paste remitidas polo Goberno do PP ás preguntas formuladas polo BNG sobre o desenvolvemento das actuacións contempladas, sobre a comisión de seguimento ou sobre a execución orzamentaria.

Na súa intervención, a deputada nacionalista afeou ademais o “deixamento” que o Goberno do PP está facendo do seu traballo. “Hai deixamento porque na última comparecencia da conselleira de Igualdade só se fan dúas propostas novas e as dúas consisten en resucitar artigos incumpridos da Lei de Igualdade de da Lei de Violencia machista máis de quince anos despois; hai deixamento cando este ano comezou cun retraso sen precedentes na publicación no DOG das axudas  periódicas de violencia machista, e hai deixamento tamén no ámbito da loita contra a trata”, apuntou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG