BNG esixe á Xunta de Rueda transparencia e rigor técnico á hora de declarar as zonas vulnerables a nitratos

Xosé Manuel Puga e Lucía López
Xosé Manuel Puga e Lucía López

Urxe á Xunta á convocatoria da comisión de seguimento da PEPAC para poñer en práctica medidas compensatorias sobre as consecuencias que vai ter a declaración

O BNG esixe á Xunta de Rueda transparencia e rigor técnico á hora de declarar as Zonas Vulnerables a Nitratos (ZVN), despois da inquedanza que provocou no sector agrogandeiro o anuncio feito polo Goberno galego a finais de febreiro sobre a declaración destas áreas ao longo das bacías que dependen de Augas de Galiza, e sobre as que existen moitos interrogantes e temor ante o posible aumento nos custos de produción.

Urxe a reunión do comité de seguimento da Plan Estratéxico da Política Agraria Común  (Pepac) para poñer enriba da mesa medidas correctoras ou compensatorias diante das consecuencias que, a partir do vindeiro mes de maio, vaia ter sobre as persoas afectadas.

Tamén reclama á Xunta a creación dunha comisión de seguimento sobre a declaración de ZVN, con grupos políticos do Parlamento, organizacións e cooperativas agrarias, para negociar co sector as medidas que se determinen para cada unha das zonas e que esa comisión se manteña durante os catro anos seguintes do Plan de Acción resultante dese comité.

A responsable de Organización do BNG, Lucía López, tildou de “irresponsable” á Xunta que non só actuou sen transparencia á hora de informar sobre a declaración de Zona Vulnerable a Nitratos nas bacías atlánticas, senón que ademais tardou tres anos para darlle o rango de ZVN, “cando sabía que era necesario facelas”, o que supuxo unha “auténtica sorpresa” a moitos concellos e ao sector agro gandeiro.  

“Á incomprensible actuación da Xunta súmase unha política sistemática de desmantelamento dos nosos sectores produtivos que o PP leva décadas aplicando”, engadiu. Nestes sentido o BNG, anunciou unha serie de iniciativas para debater no Parlamento e avanzou que realizará encontros nas comarcas afectadas, con actos informativos con persoas expertas na materia e contando coas organizacións agrarias.  

En concreto, o BNG quere que Rueda aclare se Augas de Galiza ten analíticas actualizadas e datos das augas afectadas, así como os informes técnicos que xustifiquen a declaracións de ZVN.  Tamén quere saber se a Xunta dispón dun informe de impacto sectorial e económico sobre estas declaracións, e por que non se tivo en conta esta cuestión na planificación e no financiamento das axudas do Pepac. Ademais, quere que diga por que nos orzamentos dea Consellería de Medio Rural non figura ningunha medida específica para mitigar o impacto desta decisión.

Entre os interrogantes que suscita a declaración de ZVN, a López chámalle “poderosamente” a atención que en concellos como Santiso ou Melide aparezan, “nunha suposta analítica no entorno do encoro de Portodemouros, niveis altos de nitratos e que na Declaración de Impacto ambiental da Xunta (DIA) sobre Altri a Dirección Xeral de Gandería afirme que a posta en marcha desta celulosa vai incidir negativamente na declaración de zona vulnerable por aumentar o nivel de nitratos”.

Así mesmo, López preguntouse que “escuros intereses” agocha o PP ao impulsar con diñeiro público macroplantas de biogás nas zonas afectadas como “solución máxica” ao problema cando “sabemos que tecnicamente non reducen os nitratos senón que os concentran”. Ademais, tal e como advertiu pola súa banda o responsable de medio rural do BNG, Xosé Manuel Puga, “o custo do posible traslado a esas plantas do purín das explotacións seguro que vai ir a cargo dos titulares desas explotacións”.

Puga tamén recalcou que a declaración de zona vulnerable a nitratos vai supoñer a obriga previsible do aumento de barbeito, o que suporá minorar a produción, a sobrecarga de burocracia —ao ser obrigatorio o libro de explotación e plans de abonado— e tamén aumentará a xa “preocupación moi profunda” nas zonas afectadas con Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

Son repercusións derivadas dunha declaración que poderían estar xa en marcha o vindeiro mes de maio, e por iso, o responsable de medio rural do BNG reclamou esa convocatoria urxente do comité de seguimento do Pepac porque —adverdiu—“vai facer falta financiación para poñer en práctica medidas correctoras ou compensatorias”. “Que non enganen á xente e non lle digan que non vai ter consecuencias a partir do mes de maio”.

As propostas do BNG fronte ao desmantelamento dos sectores produtivos

Ante as políticas de abandono e desmantelamento do sector agrograndeiro provocado polas políticas do PP e polas directrices europeas durante os últimos 40 anos, Xosé Manuel Puga defendeu outro modelo sostible de ocupación do territorio e de mantemento da superficie agraria útil, que en Galiza, non chega ao 20% da total, cando no Estado supera o 50%. Ademais, nos últimos dez anos, apuntou, diminuíu nun 47% o número de explotacións agrarias.

“Emprazamos a Rueda a ter un pouco de sentido e a que empece a tomar nota das medidas de política agraria que o BNG puxo en marcha entre 2005 e 2009, canto tivo responsabilidades políticas”.

Medidas como o banco de terras, un plan galego de produción de insumos (sobre todo de millo, de soia e de herba, para evitar a dependencia que temos destes produtos nas explotacións de leite), a posta en marcha dun novo contrato de explotación sustentable que durante cinco anos financie producións sostibles; e no ámbito forestal, a recuperación da figura das unidades de xestión forestal para promover un monte multifuncional.  “Faría ben Rueda en tomar nota se quere cambiar a deriva na que están metendo os nosos sectores produtivos”, rematou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG