Congreso

Congreso aproba a moción do BNG que rexeita as ameazas de Trump e condena a súa proposta intervencionista en Gaza

Néstor Rego
Néstor Rego

Luz verde na cámara baixa e oposición ás ameazas de Trump a terceiros países e condena ao plan de ocupación e limpeza étnica en Gaza

PP e PSOE unen os seus votos a favor do rearme militar da Unión Europea e os plans de crear un fondo de 800 00 M€ e o BNG denuncia as posicións belicistas das formacións estatais

O Congreso dos Deputados aproba unha moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) en que se rexeitan as recentes declaracións do Presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, sobre terceiros países e se condena a súa proposta de control da Faixa de Gaza cunha limpeza étnica da poboación palestina. A iniciativa do BNG contou co respaldo dunha maioría da cámara, evidenciando o rexeitamento a este tipo de posturas belicistas e anexionistas no ámbito internacional.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebrou o apoio á moción e destacou que “o Estado español non pode permanecer en silencio ante a deriva intervencionista e agresiva de Donald Trump, que supón unha ameaza directa á soberanía doutros pobos e aos principios básicos do dereito internacional”.

Entre os aspectos aprobados, destaca o rexeitamento expreso ás ameazas de Trump contra Panamá e Groenlandia (Dinamarca), así como a condena á súa intención de tomar o control da Faixa de Gaza e transformala nun ressort tras desprazar forzosamente a poboación palestina e levar a cabo unha limpeza étnica. “Estamos a falar dun auténtico crime de lesa humanidade que non pode ter complicidade nin silencio por parte da Comunidade Internacional” afirma Rego.

Ademais, nos puntos aprobados da moción do BNG reiterase o compromiso coa paz e coa busca de solucións a través do diálogo e da negociación, frente ás dinámicas de confrontación e militarización crecente. “O mundo precisa estratexias de estabilidade e cooperación, non máis tensións e enfrontamentos” reivindica o deputado do BNG.

O voto en contra do PSOE e o PP: partidos que apostan polo belicismo

Porén, Rego lamentou que PP e PSOE non apoiasen outras propostas incluídas na moción, como a oposición á proposta da Comisión Europea de destinar 800.000 millóns de euros á compra de armamento ou a renuncia ao incremento do gasto militar. “A aposta polo rearme detrae recursos de políticas sociais e servizos públicos esenciais para a cidadanía” denuncia o deputado nacionalista.

Finalmente, o BNG tamén procuraba o apoio do Congreso para instar o Goberno do Estado á saída do Estado español da OTAN e á disolución desta alianza militar, mais a proposta non conseguiu o apoio suficiente. “Seguiremos defendendo a necesidade de superar estruturas belicistas que só serven para alimentar conflitos en lugar de resolvelos” finda Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG