A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, acudiu esta mañá á vista xudicial nos xulgados de Compostela ante a denuncia que presentaron os nacionalistas á CRTVG para exixir o dereito de rectificación tras a información "falsa" emitida pola canle pública sobre a ausencia do BNG no acto de conmemoración do cabodano de Castelao. “Esta falsa afirmación non foi rectificada pola TVG, malia que así o exixe a lei” salientou.
Olalla Rodil, en representación do BNG, lamentou ter que recorrer á vía xudicial para defender un dereito "básico e fundamental" como é o acceso a medios de comunicación públicos veraces e obxectivos. "A CRTVG afirmou que ningún representante do BNG estivo presente na homenaxe organizada pola Fundación Castelao no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, cando as imaxes da propia televisión galega demostran o contrario", denunciou Rodil.
A deputada nacionalista advertiu que a situación da CRTVG está lonxe de mellorar. "O Partido Popular non só se nega a rectificar, senón que está a piques de aprobar unha lei que reforzará o seu control absoluto sobre os medios públicos", afirmou. Segundo explicou, esta reforma permitiría ao PP designar "a dedo" a dirección xeral da corporación e vulneraría os dereitos profesionais dos traballadores da CRTVG.
"No BNG temos claro que este é un feito gravísimo que atenta contra a calidade democrática do noso País e non imos deixar de defender, alí onde sexa necesario, o dereito das galegas e galegos a ter uns medios públicos ao servizo de Galiza e non do Partido Popular." O BNG reafirma o seu compromiso na defensa dun xornalismo público "veraz, plural e ao servizo do país", fronte ao que consideran un intento de converter a CRTVG nun "mero instrumento de propaganda" do PP. "Seguiremos loitando polos medios de comunicación que merecen as galegas e os galegos", concluíu Rodil.