Ana Miranda traslada a Europa os graves problemas de acceso á vivenda en Galiza

Ana Miranda
Ana Miranda

Nunha sesión conxunta da Comisión de Política Rexional e de Emprego a eurodeputada galega explica as repercusións do exceso de vivendas de uso turístico

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, explicou na Eurocámara os diferentes problemas que existen en Galiza para acceder a unha vivenda digna, moitos deles relacionados co número excesivo de vivendas de uso turístico fronte as existentes para uso residencial. “É moi importante ter en conta eses efectos do turismo masivo, da especulación, porque quen sufriu estes anos foi a clase traballadora. Non podemos esquecernos, sufriu porque non pode acceder a unha vivenda, nin sequera a un alugueiro”, manifestou ao respecto.

A eurodeputada galega explicou a conversa que mantivo esta semana cun concelleiro do BNG Cabanas para expresarlle a preocupación da veciñanza polo acceso á vivenda e o seu prezo, xa que neste concello existen só 16 vivendas para uso residencial pero 22 para uso turístico. “Para unha persoa nova que apenas cobra 1.200 euros, é imposible alugar alí”, sinalou Miranda na sesión conxunta da Comisión de Política Rexional e da Comisión de Emprego.

Igualmente, Ana Miranda sinalou os problemas que existen neste sentido no Camiño de Santiago, onde “vemos como afectan as vivendas turísticas de uso irregular”. Ademais relatou a conversa mantida cun dos concelleiros do BNG na provincia de Ourense, quen lle explicou que existe un 49% de vivenda baleira.

Exemplo de boas prácticas

A eurodeputada do Bloque, por outro lado, salientou as iniciativas que se aplican en concellos galegos para dar resposta a unha das principais preocupacións da cidadanía europea e desde logo dos galegos e galegas, como é a vivenda, de forma destacada no de Santiago de Compostela. Neste sentido puxo como exemplo a medida desenvolvida polo goberno compostelá referida á regulación do uso de aloxamentos turísticos nos inmobles residenciais e que cualificou de innovadora, xa que incide na limitación das VUT’s.

Precisamente o pasado venres, Ana Miranda, integrante da Comisión de Política Rexional do PE, e o eurodeputado vicepresidente da Comisión de Vivenda do PE, Vicent Marzá, mantiveron un encontro coa alcaldesa Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, na que debullaron as diferentes medidas postas en marcha polo Concello santiagués. Entre estas iniciativas destacan o intenso traballo desenvolvido para impulsar a rehabilitación de vivendas, para garantir a dotación de vivenda pública en alugueiro e a posta en uso do parque residencial existente, así como a preparación da declaración de zona de mercado tensionado no obxectivo de limitar as vivendas turísticas.

Sobre a limitación das vivendas turísticas, na súa intervención na sesión conxunta da Comisión de Política Rexional e da Comisión de Emprego, Miranda indicou que esta cuestión xa se mencionaba no informe do Comité Económico e Social sobre vivenda asequible. “É moi importante que este Parlamento lexisle sobre vivenda, é moi importante que se flexibilicen os fondos de cohesión e é moi importante que se teñan en conta os efectos do turismo masivo”, subliñou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG