Parlamento Galego

BNG denuncia a precariedade dos puntos de atención á infancia e exixe á Xunta que asuma a súa xestión

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández

Ariadna Fernández advertiu que os concellos rurais máis pequenos soportan a carga económica dos PAI mentres o PP fai propaganda dunha gratuidade que non financia  

O BNG reclama un modelo de xestión pública e estable para garantir o dereito á conciliación e combater o despoboamento

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Ariadna Fernández, denunciou na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego a situación crítica na que se atopan os puntos de atención á infancia (PAI) nos concellos rurais galegos. Fernández criticou que estes servizos fundamentais para a conciliación das familias sexan sostidos economicamente polos concellos pequenos, mentres a Xunta do PP se desentende da súa responsabilidade e se limita a facer propaganda dunha escolarización gratuíta e universal que non é real.

"A Xunta anúnciase como garante dunha educación infantil de 0 a 3 anos gratuíta e universal, pero a realidade é que os concellos teñen que facer malabares para manter en pé os PAI, porque a administración autonómica non cobre nin o 25% do seu custo", explicou Fernández. A deputada puxo o foco na situación dos concellos máis pequenos, moitos deles en zonas afectadas polo despoboamento, que teñen que asumir con fondos propios o funcionamento destes servizos esenciais, mentres a Xunta destina máis recursos á privatización da educación infantil que ao fortalecemento da súa rede pública.  

Na súa intervención, Ariadna Fernández sinalou que en Galiza existen arredor de 40 PAI situados en concellos con menos de 5.000 habitantes, como Alfoz, Rodeiro, O Corgo, Muras, Touro ou Abadín. Estes puntos de atención á infancia cumpren un papel fundamental para fixar poboación no rural, permitindo que as familias teñan un servizo de conciliación que facilite o asentamento e a estabilidade laboral. Non obstante, ao non formar parte da rede autonómica de escolas infantís, a súa supervivencia depende da capacidade económica dos concellos, que moitas veces vense obrigados a destinar recursos destinados a outros servizos básicos para poder mantelos.  

Denunciou que, malia a insuficiencia de prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos, a Xunta rexeitou fondos doutras administracións destinados á creación de novas prazas. "A realidade é que en Galiza non hai prazas suficientes para todas as familias que precisan deste servizo, e aínda así a Xunta devolveu 22 millóns de euros que permitirían ampliar a oferta pública", afirmou Fernández. "Non lles preocupa que haxa unha praza por cada dous nenos porque a súa aposta é outra: fomentar a gratuidade, pero só no ámbito privado, mentres as entidades públicas afogan".  

A deputada nacionalista salientou a situación de precariedade que sofren as traballadoras da atención á infancia, que na maioría dos casos son mulleres. Explicou que as responsables das casas niño, outro dos modelos de atención infantil promovidos pola Xunta, traballan en condicións de falsa autónoma, xa que teñen que asumir todos os gastos de mantemento e seguridade social con apenas 25.000 euros anuais. "As traballadoras pagan a gratuidade coas súas condicións laborais precarias, os concellos pagan a gratuidade facendo malabarismos cos seus orzamentos e a Xunta ponse a medalla e saca a foto", denunciou.

O BNG comprométese a seguir loitando para que os PAI se integren na rede autonómica de escolas infantís, garantindo un financiamento estable que permita ofrecer un servizo público de calidade e que realmente contribúa a fixar poboación e a garantir o dereito á conciliación en todo o territorio galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG