A deputada do BNG Noa Presas defendeu no Parlamento unha iniciativa para poñer “punto e final” á concesión do Hotel Monumento San Clodio, “un dos maiores escándalos da Xunta na comarca do Ribeiro”, asegurou, en referencia ao incumprimento sistemático por parte da empresa e ao “deixamento, a pasividade e a indiferenza” do Goberno do PP.
A través dunha proposición non de lei, rexeitada polo PP, Presas emprazou a todos os grupos parlamentarios a facer un pronunciamento unánime, a once días de que expire a concesión, para que a Xunta actúe antes de que sexa tarde e teña a coartada de que pola premura é necesario prorrogar a concesión.
“Estamos diante dunha oportunidade histórica para atender o clamor social da veciñanza, do Concello de Leiro, de distintas asociacións do Ribeiro, do sector turístico e do relacionado co patrimonio”, manifestou a deputada, que censurou que, máis unha vez, a Xunta do PP faga “mutis polo foro”, non dea respostas cando “estamos no tempo de desconto” e continúe sen facer o seu traballo para protexer os intereses da comarca e o patrimonio público”.
Ademais do fin inmediato da concesión, a deputada nacionalista reclamou nunha “proposta de mínimos” a creación dunha mesa de traballo que “entre todas as partes implicadas traballe no futuro modelo de xestión e poida aquilatar a concreción do futuro contrato” para adaptalo aos cambios no modelo turística e ás necesidades de desenvolvemento económico dunha comarca que, precisou, ten unha das peores taxas de empobrecemento no País.
“Van 25 anos de vergonza, de desidia da Xunta e de incumprimentos da concesión, denunciados pola veciñanza, polo sector cultural e turístico e mesmo do concello de Leiro, en mans do PP”, subliñou.
A Comunidade Benedictina de Samos cedeu no ano 1999 o dereito real de uso, a título gratuíto e por tempo indefinido do monumento para a instalación de “diversos servizos dependentes da Xunta”, explicou a deputada ourensana, lembrando que foi o Goberno de Fraga quen decidiu privatizar o monumento, facendo un “investimento millonario” para poñer o mosteiro “bonito por dentro e por fora”.
“Financiouse ata a cociña, a dotación de electrodomésticos, o equipamento, os mobles da recepción e das habitacións, a cafetería...”, para engadir que, aos 52 millóns “das antigas pesetas” que destinou a Xunta sumáronse máis tarde fondos europeos Feder e FCI para a preservación do edificio. “Así calquera monta un negocio!”, exclamou.
Malia as facilidades, a concesionaria incumpriu de maneira “flagrante” coa concesión, posto que, tal e como denuncia reiteradamente a veciñanza, “non respecta os prazos de apertura e permanece pechado máis tempo do que debería, non fai unha adecuada explotación hoteleira porque en numerosas ocasións fúrtase o servizo de habitacións por celebración de cerimonias, non garante o acceso a un monumento BIC e un longo etcétera”. Incumprimentos aos que se suman outros “escándalos adxacentes”, como que o spá do viño continúe sen funcionar ou os “problemas laborais e de organización” que ten a empresa.