A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou a falta de propostas do Goberno do PP para garantir a asistencia na Atención Primaria durante os meses de verán, que tenta suplir con “ocorrencias” nun exercicio permanente de continuas “improvisacións”.
“Os profesionais do sistema público de saúde e os galegos e as galegas merecen moito máis que as súas improvisacións porque vostedes non fan outra cousa máis que improvisar, improvisar e improvisar”, reprochou a Rueda na sesión de control tras recordarlle que, a diferenza dunha pandemia, o verán non é algo sobrevido, “leva pasando durante miles de anos”.
Pontón recriminou así ao xefe do Executivo unha situación que se repite ano tras ano en época estival, convertendo a Atención Primaria nun pesadelo para profesionais e persoas usuarias que só se mantén en pé grazas á implicación do persoal ante a falta de organización e os recortes do Partido Popular, que deixaron “no chasis” o primeiro nivel asistencial, cun recorte de 2.139 millóns de euros desde 2009.
A líder nacionalista denunciou que, nun período no que moitos concellos multiplican a súa poboación, lonxe de reforzar persoal nas zonas de maior tensión turística, o PP “nin sequera é capaz de cubrir as vacacións do persoal sanitario o que supón outra volta de torca máis nunha Atención Primaria que xa está colapsada”, con listas de espera para o médico ou médica de cabeceira, urxencias hospitalarias saturadas, miles de nenos e nenas sen pediatra asignado e falta de profesionais nos centros de saúde.
Neste contexto, recriminou a Rueda a súa falta de anticipación e que a súa única resposta pase por pechar camas -“780 camas hospitalarias menos”, cuantificou-, deixar sen cubrir as vacantes estivais e limitar a atención pediátrica aos centros das cabeceiras de comarca, capeando o temporal con continuos “parches e ocorrencias”.
“Tras a ocorrencia de ofrecer casa gratis en Sanxenxo no verán, agora chega a ocorrencia de contratar persoal médico que veranee no Barbanza ou noutras zonas costeiras do País”, afirmou, para evidenciar a falta de solucións dun Goberno do PP que o único que se lle ocorre é pedir “a un persoal que está esgotado e maltratado que traballe tamén no verán”.
A líder nacionalista tamén afeou a Rueda a “outra gran idea” de formar un grupo de profesionais itinerante que se desprace polo País para facer intervencións puntuais “como se a sanidade pública fose unha especie de ambulatorio rodante que se despraza de pobo en pobo para atender á poboación ante a falta dunha infraestrutura estable, pública e continuada”.
“E xa a última é contratar a MIR que aínda non remataron a súa formación para que presten servizo nos centros de saúde”, engadiu, para advertir a continuación que “isto xa non é só unha ocorrencia, senón tamén unha ilegalidade”.
Pontón considerou unha “falta de respecto aos galegos e ás galegas que están sen médico e sen pediatra” o novo exercicio de “escapismo” dun Rueda que na súa resposta non concretou ningunha proposta para garantir a asistencia na Atención Primaria durante o verán, focalizando a súa intervención nas alianzas do BNG nas eleccións europeas.
“Recoméndolle que vaia falarlle de Bildu, de Esquerra ou de independentismo á xente deste País que ten problemas coa sanidade, como por exemplo aos veciños e veciñas de Viveiro que en pleno mes de xuño xa non teñen cita médica, ou aos do Courel, que están sen médico, ou aos pais e nais que ven como os seus fillos e fillas non teñen pediatra”, reprendeu.
A portavoz nacional retou ao presidente da Xunta a desmentir “un só dato” dos que ofreceu ao longo do debate sen obter resposta algunha dun Rueda máis “preocupado” por que o BNG obtivese nas europeas o seu mellor resultado nos últimos 20 anos que polos problemas da sanidade. Pontón ironizou propoñendo unha “sesión de control á xefa da oposición” fronte a un Rueda que nas sesións de control en lugar de responder ao que se lle pregunta, dedícase a formularlle preguntas a portavoz nacional do BNG.
“Se quere facerme preguntas, fale co presidente do Parlamento e facemos unha sesión, pero vostede como presidente ten que vir aquí a dar contas ante a cidadanía, é a súa principal obriga”, reprochou, para recordarlle que “o que está pasando coa sanidade non é un chiste”. “Merecemos un presidente que se tome en serio os problemas da sanidade e que non veña a esta sesión de control a facer chascarrillos porque se quere adicarse a club da comedia chame á TVG que seguro que o contrata”, concluíu.