Pontón defende que Galiza teña a chave dos seus cartos, como ten Euskadi e vai ter Cataluña, para mellorar a vida das galegas e dos galegos

Acto Carballo
Acto Carballo

Participa en Carballo nun acto enmarcado na campaña do BNG en favor dun modelo de financiamento xusto para o País a través dun concerto económico propio

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en Carballo o modelo alternativo de financiamento que propón o BNG, un modelo “xusto” cos galegos e coas galegas no que Galiza teña “a chave dos seus cartos” tal e como xa ten Euskadi e pronto vai ter Cataluña.  

Así o explicou nun acto público enmarcado na campaña ‘Concerto económico: Galiza coa chave dos seus cartos’ que está a desenvolver o BNG en favor dun modelo de financiamento xusto para o País, acto no que tamén participou o alcalde da localidade, Evencio Ferrero.  

Pontón avogou por acadar un acordo bilateral co Estado que lle permita a Galiza recadar o 100% dos seus impostos porque non ten que conformarse con “migallas” como pretende o PP, que só defende retoques cosméticos no sistema actual, un sistema que cualificou de “inxusto” e co que a cidadanía galega “perde miles de millóns de euros”.

Nun momento no que se debate o modelo de financiamento, o BNG considera que Galiza non pode permanecer como mera espectadora nin perder o tren nun tema crucial que vai marcar o futuro do País, tal e como quere o Goberno do PP, con Alfonso Rueda á cabeza, que prefire a submisión á estratexia de Feijóo en Madrid que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas.

Acto Carballo
Acto Carballo

Por iso, no modelo de concerto que defende a formación nacionalista, Galiza será quen faga as contas co Estado e non ao revés, transferíndolle a Madrid o pago dos servizos comúns que presta no País, explicou a portavoz nacional, quen subliñou que, co actual modelo, o Estado “está facendo caixa” a costa da cidadanía galega.

Neste sentido, referiuse ao informe elaborado polo economista Xosé Díaz, segundo o que, en 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 millóns de euros en Galiza, que recibiu 10.041 millóns, é dicir, un diferencial negativo de 5.344 millóns ao que habería que restar o pago ao Estado polos servizos que presta pero que, aínda así, suporía un saldo enorme a favor do País.  

Para afondar no infrafinanciamento galego, a líder nacionalista tamén recordou o informe do Consello de Contas que, logo de analizar o actual modelo de financiamento en termos de equidade e suficiencia, sitúa o déficit do financiamento entre 2009 e 2021 en case 20.000 millóns de euros, é dicir, que Galiza perde arredor de 1.500 millóns cada ano.  

“Hai que darlle a chave dos nosos cartos aos galegos e ás galegos”, concluíu destes datos Pontón, quen reprochou ao titular da Xunta a súa negativa tanto a negociar a quita da débeda acadada polo BNG no acordo de investidura -pese a que o seu pago supón a terceira partida máis alta dos orzamentos-, como a defender que Galiza teña a chave dos seus cartos a través dun modelo de financiamento propio acorde á súa realidade e ás súas necesidades.   

Un modelo que, recalcou, xa ten Euskadi e vai ter Cataluña, mentres que a única nación histórica que non tería ese status sería Galiza, se o titular do Executivo mantén a súa decisión de antepoñer os intereses do PP aos dos galegos e das galegas, submiso á estratexia partidista que lle marcan dende a rúa Génova. Por iso, concluíu emprazando a Rueda a rectificar e evitar pasar á historia como o presidente da Xunta que sitúa a Galiza como “unha comunidade de segunda” aceptando as migallas do centralismo madrileño. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG