A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que a negativa de Rueda a debater obedece a que o presidente da Xunta avergóñase da inutilidade política do PP á hora de facer valer Galiza en Madrid e ao medo polo contraste co traballo feito polo BNG no Congreso, onde un só deputado do BNG, Nestor Rego, fixo máis por mellorar a vida dos e das galegas que os dez do Partido Popular.
“Hai dúas razóns polas que o señor Rueda non quere debater comigo: por vergoña e por medo. Vergoña polo papelón dos deputados e deputadas do PP no Congreso, que demostraron a súa total inutilidade política para defender Galiza en Madrid. E medo porque fronte a esa inutilidade do PP está a utilidade do BNG, que cun só deputado logrou máis para Galiza que todos os dez do Partido Popular xuntos. Por exemplo, a rebaixa histórica da AP9”, explicou a portavoz nacional, que hoxe participou na Coruña na presentación da candidatura do BNG ao Congreso e ao Senado.
Pontón recordou que nas eleccións xerais de 2008 o PP propuxo un debate entre as forzas políticas galegas, a través do que daquela era presidente do PPdeG e líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, un debate ao que o BNG dixo que si e que se celebrou na TVG en horario de máxima audiencia.
“Pero agora é o BNG que fai a proposta e o señor Rueda di que non quere debater comigo, ante a vergoña pola inutilidade do seu partido á hora de defender Galiza en Madrid”, reiterou. Pontón denuncia, ademais, o machismo que destila a negativa do presidente do PPdeG a debate coa portavoz nacional do Bloque.
“Resulta que sen en política é un home quen propón o debate, como foi o caso de Feijóo non seu día, valorase a oportunidade do debate e punto. Pero se a proposta parte dunha muller, como é o meu caso como portavoz nacional do BNG, temos que oír nada menos que do presidente de Galiza que estou necesitada de atención”, lamentou.
“Así que lle pediría ao señor Rueda menos paternalismo, menos machismo e máis debate e talante democrático, e pídolle que recapacite, que non se esconda do debate electoral porque é un dereito da cidadanía”, concluíu. De feito, a líder do Bloque remitiu sendas cartas ao presidente do PPdeG e ao secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González, coa proposta do debate, ao tempo que o secretario de comunicación do BNG, Xavier Campos, fixo chegar tamén unha carta ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, instando ao responsable da televisión pública a organizar un debate con motivo das eleccións xerais de 2023 en horario de máxima audiencia entre as persoas que lideran as principais forzas políticas en Galiza, como se fixo por parte da TVG en 2008, sen prexuízo obviamente dos debates que se organicen entre os e as cabezas de lista por cada provincia.