A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que o BNG presentará unha emenda á totalidade ao proxecto de orzamentos do PP, “por insolidarios, insolventes e propagandísticos”, onde a previsión das principais cifras macroeconómicas son falsas e xa foron desmentidas polos expertos, -informe BBVA e AIREF-, como por exemplo o PIB e a evolución do emprego. No primeiro caso, o Goberno do PP estima un aumento do 1,7%, que os expertos reducen a cero e, no segundo caso, un 0,7% de incremento previsión de emprego do -0,3%.
Pontón puxo hoxe o acento na faceta insolidaria das constas de 2023. “É moralmente inaceptable que mentres se suprime a tarxeta básica a 50.000 familias para a compra de medicinas e comida, o Goberno do PP regale 34 M€ a unha minoría de 7.700 persoas que teñen un patrimonio de 6 M€ de media”, alegou. A líder do BNG afondou con datos no aspecto insolidario dos presupostos.
“A isto engádese o recorte de 3,3 M€ na partida da RISGA, mentres o Executivo popular segue impedindo a compatibilidade entre esa prestación e o IMV, nun momento de alza de prezos que provoca desigualdade e aumento da pobreza”, argumentou. Son tamén uns orzamentos insolidarios coas persoas que cobran as pensións máis baixas, as non contributivas, “e despois de manter trece anos conxelado o complemento autonómico, agora a subida é de 14 €/ano, que non da nin para un quilo de froita ao mes”.
Tamén son insolidarios coas familias, porque se conxelan as bolsas de estudos universitarias; e coas rendas baixas e medidas, de tal xeito que se ingresas 12.500 € ao ano, a rebaixa de impostos é de 50 euros, pero se ingresas máis de 50.000 euros, a rebaixa é de 500 €/ano.
“Estamos no mundo ao revés cun PP que propón que aporte menos quen máis ten”, criticou Pontón, e por iso o BNG presenta unha alternativa fiscal xusta e progresiva na que “os que máis teñen aporten máis”. Unha alternativa que inclúe dúas medidas destacadas: incrementar de cinco a oito o número de tramos do IRPF, para ganar en redistribución, e baixar a 300.000 euros o mínimo exento de tributación por imposto de patrimonio (IP) descontada á vivenda habitual.
“Non se pode aceptar que o PP poña en marcha un pelotazo fiscal de 34 millóns de euros, cantidade que está por riba do que destina ao bono social térmico, a medidas de aforro enerxético ás familias, un agasallo aos ricos que está por riba do orzamento para reforzar a atención primaria, do que destina a través do programa impulsa de axudas ás persoas autónomas ou a mellorar á axuda no fogar”, salientou.
A líder nacionalista deixou claro que o BNG presentará unha emenda á totalidade a unhas contas “burocráticas”, propias dun goberno “instalado na rutina”. Non axudan a quen peor o está pensando e mostran un PP fora da realidade cuxa proposta de orzamentos debilitan a Galiza no medio da maior crise de prezos en corenta anos.