O portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos compareceu ante os medios de comunicación para valorar as tres sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra a Xunta e o grupo empresarial Monbus.
Ríos acusou á Xunta de “conivencia e trato de favor” a Monbus e afirmou que as recentes sentenzas ás que seguiran máis, dan a razón ao BNG nas denuncias sobre as irregularidades nos procesos de contratación e o permanente “incumprimento de contratos” por parte da concesionaria.
O parlamentario explicou que as sentenzas penalizan “o modus operandi” de Monbus e a Xunta en diferentes procesos de licitación do transporte público en Galiza e recalca que a Xunta permite a “vulneración da lei” no prego das concesión cos lotes máximos adxudicados a unha mesta licitadora. Para o nacionalista, este proceder ampara un “comportamento nonopolístico” da Xunta co grupo empersarial e prexudica gravemente a pequenas e mediadas empresas do sector do transporte.
Dende o BNG, reiterou o nacionalista, “levamos anos denunciando a conivencia e trato de favor da Xunta de Galiza con Monbus”, non só permitindo diversos incumprimentos na execución dos contratos, senón tamén nos propios procesos de contratación, tal e como ven de sentenciar o TSXG.
Ao seu xuízo, a Xunta de Galiza está permitindo que se vulnere o prego reitor das concesións relacionado co número de lotes máximos que poden ser adxudicados a unha mesma licitadora, facendo visíbel “o amparo ao comportamento monopolístico” do grupo empresarial, Monbus.
Nesta liña, explicou que o modus operandi da concesionaria consiste en “camuflar a presenza do grupo empresarial Monbus mediante a creación de UTEs compostas, de xeito maioritario, por diferentes empresas do grupo Monbus, as cales deberan ser consideradas como unha mesma licitadora, coa conseguinte limitación de lote adxudicados en base ao prego reitor.
Esta mesma táctica de copaxe do mercado, foi alertada xa pola mesa de contratación, para tales efectos, do Goberno de Aragón, a cal entendía que “este proceder constituía fraude de lei” ao intentar vulnerar o número máximo de lotes ao que unha mesma licitadora podería acceder.
O deputado do BNG, lembrou que o grupo parlamentario nacionalista rexistrou unha solicitude para a comparecencia urxente da Conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, que unha vez máis, foi vetada polo Partido Popular e anunciou que na vindeira sesión plenaria, o BNG interpelará á Conselleira co fin de expoñer a situación xerada polas sentencias xudiciais.
Ethel Vázquez está obrigada a rectificar tras o escándalo do transporte
O BNG, dixo, pedirá á titular de Mobilidade, Ethel Vázquez e ao goberno da Xunta do PP, “unha rectificación” ante este escándalo, que se ven a sumar ao tremendo vendaval de sentenzas xudiciais que poñen en entredito a actuación da Xunta de Galiza coas licitación no servizo de transporte público galego.
“Acusamos”, como xa o fixemos no pasado, “á Xunta de Galiza e á Conselleira de trato de favor e conivencia co grupo empresarial Monbus en detrimento da calidade do propio servizo, da pervivencia do propio sector e supón un duro golpe á democracia e á libre competencia”. O PP dixo o deputado, ten rectificar e deixar de gobernar para “as empresas amigas” a costa dos cartos de todos os galegos e galegas.
Finalmente, o deputado do BNG reclamou que a concesionaria do transporte público “cumpra cos compromisos dos pregos” en todo o relativo ás condicións da flota de vehículos, avaliación medioambiental, horarios, frecuencias e condicións dignas para os traballadores e traballadoras. Por outra parte, tamén demandou igualdade de condicións para as pequenas e medianas empresas de transporte á hora de acceder ao servizo e non permitir que Monbus se camufle detrás de UTEs para conseguir entre o 60% e o 93% dos lotes.